Os arquitectos composteláns asisten a unha conferencia sobre exemplos bioclimáticos a escala do edificio e a nivel urbano

Exposito_Carlos Expósito: “En la arquitectura bioclimática los edificios pueden considerarse como máquinas térmicas que interactúan con el medio intercambiando energía”

Falará sobre varios traballos, entre os que destaca a edificación sostible no Ensanche Sur de Alcorcón, a maior actuación de vivenda protexida de España de iniciativa pública


As XIII Xornadas de Arquitectura Bioclimática,  organizadas pola Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), continúan hoxe coa presentación dunha serie de proxectos realizados polo estudio madrileño ALIA, Arquitectura, Energía y Medio Ambiente, representado por un dos seus socios, Carlos Expósito. Este arquitecto expoñerá os procesos de construción dunha serie de proxectos bioclimáticos que realizaron nos últimos anos por diversos puntos da xeografía española. Edificación sostible: da escala do edificio á escala urbana é o título xeral da súa intervención, que se celebrará hoxe venres de 19 a 21:30 horas e mañá sábado de 10 a 14:00 horas na sede colexial da Quintana.
Segundo a súa liña estratéxica, Expósito explica que a arquitectura bioclimática está proxectada para concebir os edificios como máquinas térmicas que interactúan co medio intercambiando enerxía ( captan, producen, acumulan e/ou perden enerxía ). Desde o punto de vista da escala do edificio, o estudio madrileño persegue que as vivendas se acheguen por si mesmas ás condicións de confort.

Expósito apunta os principios enerxéticos que abandeira o seu estudio; en inverno preténdense minimizar perdas de calor mediante illamento e infiltración controlada nas vivendas, maximizar as ganancias pasivas de calor coa radiación solar e acumular a calor internamente e lograr unha moderada estabilidade térmica. “En cambio, en verano queremos minimizar las ganancias de calor con protección solar y ventilación diurna, y a su vez, maximizar las pérdidas de calor con ventilación nocturna, además de acumular enfriamiento interno de la vivienda para retrasar la subida de temperaturas” –puntualiza Expósito.

Pero segundo a concepción de Alia na escala urbana, é preciso unha transformación  dos sistemas de mobilidade, rehabilitación e mellora enerxética do conxunto edificado e actuacións diversas sobre a rede de espazos públicos, ademais de mellorar a rede hidrolóxica.

Entre as obras que empregará Expósito para explicar a edificación sostible figura o Ensanche Sur de Alcorcón (Madrid). Esta zona tiña unha capacidade total de 7.000 vivendas protexidas nunha extensión de 199,48 hectáreas. Foi a maior actuación de vivenda protexida de España de iniciativa pública, promovida integramente polo consistorio de Alcorcón.

Á hora de iniciar este proxecto abordouse unha estratexia para a mellora da calidade e a incorporación de criterios de sostibilidade  na edificación, facendo especial énfase na  eficiencia enerxética, a través dunha asesoría técnica que define e supervisa as condiciones bioclimáticas e a súa integración con sistemas enerxéticos de alta eficiencia en todos os proxectos.

ALIA

Carlos Expósito codirixe desde 2001, xunto con Emilio Miguel Mitre, a empresa ALIA, Arquitectura, Energía y Medio Ambiente, centrada na edificación de alta eficiencia enerxética e baixo impacto ambiental, contando actualmente cunha ampla experiencia en proxectos residenciais e terciarios, así como traballos de asesoría a promotores públicos e privados.

Entre os seus traballos figuran o edificio bioclimático de oficinas Trasluz, seleccionado polo Green Building Challenge de España como representante na Conferencia Internacional “Sustainable Building” 2005, en Tokio. Obtiveron, o segundo premio de Edificación Sostenible da Junta de Castilla-León polo edificio para o CEDER, en Cubo da Solana en Soria, dentro do Proxecto de I+D Arfrisol. Conseguiron o primeiro premio no concurso ECOBARRIOS 2006, do Consejo Superior de Colegios de Arquitectos e o recoñecemento á estratexia municipal en eficiencia enerxética, polo Ensanche Sur de Alcorcón.