O presidente do Colexio de Arquitectos de Santiago ofrece mañá un relatorio sobre mobilidade sostible na cidade

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) imparte mañá sábado, 30 de xaneiro, un relatorio sobre as infraestruturas e equipamentos que afectan á mobilidade no Concello de Santiago, a partir das 10:00 horas no salón de actos do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG, Casa da Conga. Praza da Quintana, 3). Trátase dun relatorio dirixido a profesionais da educación de todos os niveis educativos, técnicas e técnicos no ámbito de estudo e estudantes dos dous últimos cursos.

O presidente da delegación, Jorge Duarte, falará sobre a mobilidade en Compostela, centrándose nos diferentes medios presentes na cidade: aeroporto, AVE, estación intermodal, transporte público, transporte de cercanías, automóbil privado e aparcadoiros disuasorios, transporte en bici e sobre todo os desprazamentos a pé. Esta conferencia forma parte dun taller de educación ambiental do curso básico “Educación Ambiental para unha Mobilidade Sostible”, que organiza o Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

Segundo a programación prevista, a xornada comezará ás 10:00 horas cun relatorio centrado nos criterios básicos de mobilidade desde a planificación territorial, facendo fincapé na importancia do transporte público. Duarte realizará unha análise da situación actual da mobilidade en Santiago e a dimensión socio-cultural que conleva o problema.

Neste punto, o Colexio de Arquitectos de Santiago quere destacar o debate xurdido sobre o teleférico e a conexión que se establecerá entre a Cidade da Cultura e o centro histórico. Segundo Jorge Duarte cómpre un plan de mobilidade previo á construción desa infraestrutura para coñecer de antemán como se establecería esa unión con toda a cidade. “Hai que estudar a mobilidade en conxunto, antes de apostar unicamente polo teleférico como comunicación coa Cidade da Cultura. O teleférico ten que formar parte, se fose necesario, dunha rede de mobilidade en toda a cidade e non funcionar só como un mero recurso turístico, que una un punto (o Gaiás) con outro (o casco histórico)” –precisou.

Tamén durante o relatorio Duarte fará referencia aos erros dos arquitectos, políticos e da sociedade en xeral na planificación territorial no eido da mobilidade. Finalmente, o presidente dos arquitectos composteláns pechará esta primeira parte da charla cun resumo das actuacións do Colexio para sensibilizar sobre a importancia da mobilidade na planificación territorial e urbana, onde se exporán algúns dos puntos máis relevantes da convocatoria de ideas para a estación do AVE que convocou o Colexio o pasado ano.

A partir das 12:30 horas (se o tempo o permite), os asistentes, acompañados por Jorge Duarte, terán a oportunidade de visualizar as explicacións teóricas sobre as rúas da urbe. A visita comezará nos soportais da praza Quintana. Realizarase unha análise da circulación no centro urbano, a localización e o funcionamento do transporte público e o percorrido cara o aeroporto.

Finalmente, os asistentes coñecerán en profundidade o proceso e obxectivos da reurbanización do ensanche e a localización de aparcadoiros públicos para evitar a presenza excesiva do vehículo no centro da cidade. Trala percorrido urbano, o grupo volverá ao COAG para participar nun coloquio e poñer enriba da mesa as conclusións pertinentes.