O Colexio de Arquitectos de Santiago abordará este mes a construción bioclimática cunha serie de xornadas dirixidas por diversos expertos

bioclimaticasCelebraranse oito relatorios no salón de actos do COAG, comezando este xoves-4 ás 19:00 horas coa intervención da arquitecta Myriam Goluboff

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrará durante todo o mes de novembro a XIII edición das Xornadas de Arquitectura Bioclimática. A actividade foi presentada hoxe en rolda de prensa polo presidente da delegación, Jorge Duarte; o tesoureiro, Miguel Serrano; e o coordinador das xornadas, Federico López Taetzel. As charlas terán lugar todos os venres, de 19:00 a 21:30 horas, e sábados, de 10:00 a 14:00 horas, no salón de actos do COAG –Casa da Conga¬–, excepto esta semana, que de forma excepcional e debido á visita do Papa, adiántase ao xoves-4 e venres-5.
No marco destas xornadas, numerosos profesionais e expertos de distintas disciplinas e profesións reflexionarán sobre as posibilidades e solucións bioclimáticas na arquitectura actual. O coordinador das xornadas, o arquitecto Federico López Taetzel, indicou que nesta décimoterceira edición as xornadas terán, por unha parte, un carácter teórico e global, e por outra serán de tipo técnico. “Varios expertos explicarán as diversas solucións técnicas que existen para resolver problemas arquitectónicos que xorden na actualidade”–indicou Taetzel.

O coordinador da iniciativa define a arquitectura bioclimática como un intento de volver a pensar os edificios utilizando criterios de sempre, que foron desaparecendo como consecuencia da incorporación nos edificios de equipamento técnico produto do avance tecnolóxico. “É preciso defender o aproveitamento enerxético na edificación e na formación dos arquitectos” –indicou Taetzel.

A temática abordarase desde unha perspectiva local e global, relacionando continuamente os novos procesos arquitectónicos co medio ambiente. Intervirán nos relatorios a arquitecta Myriam Goluboff (xoves-4); Domingo Brión e Inés Rey da empresa Cortizo (venres-5); o enxeñeiro Christoph Kleeberge (venres-5); o arquitecto Carlos Expósito do estudio Alia Arquitectura (venres-12 e sábado-13); os enxeñeiros Ramón Rodríguez e Joaquín de Diego (venres-19); o arquitecto José Fariña (sábado-20); e os arquitectos Teresa Batlle e Felipe Pich-Aguilera (venres-26 e sábado-27).