O presidente do Colexio de Arquitectos de Santiago avoga pola realización dun plan de mobilidade a longo prazo

O arquitecto e presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) impartiu esta mañá, na sede colexial, unha charla sobre a mobilidade en Compostela. A sesión foi complementada cun percorrido urbano, onde os participantes (profesionais da Educación, técnicos e estudantes) puideron contrastar as explicacións previas do profesor.

Jorge Duarte comezou a súa intervención destacando a importancia que ten a relación coa sociedade, sobre todo en temas de mobilidade, magoándose de que actualmente “a mensaxe é moi pouco clara, dándoselle sempre maior relevancia ás queixas dos cidadáns en lugar de reclamar un bo funcionamento do transporte urbano”. Para Duarte, o problema radica en que hai nos políticos moi pouca capacidade para mirar adiante, “xa que se preocupan por contentar á maioría para obter votos e non por buscar o mellor para o futuro: A xente vese a si mesma como condutor privado e, polo tanto, os políticos actúan nese sentido”. E puxo o exemplo de que cando o importante é que haxa transporte público, “préstase máis atención a poñer autoestradas gratis”.

 

Neste sentido, Jorge Duarte avogou por unha educación en todos os camiños, de forma que os rapaces entendan dende moi pequenos que o éxito chega co transporte público e non co coche. “Así conseguiremos –agregou– cambiar as cousas, xa que actualmente parece que só van en bus aqueles que non se poden permitir o coche”. Polo que defendeu que cómpre teimar na redución do consumo, ademais de valorar positivamente os esforzos en materia de eficiencia enerxética (coches híbridos, etcétera).

“Os políticos non se atreven a facer plans de mobilidade”

Segundo a opinión de Jorge Duarte, o feito de que non existan a penas plans de mobilidade ten como causa o medo dos políticos: “Temen que se fan este tipo de apostas, poidan perder votos; cando o plan de mobilidade debería ser esencial, xa que todos recoñecemos a súa importancia”.

Ademais, advertiu que para os políticos é doado facelos, xa que só teñen que mirar a sitios onde si os acometeron, como San Sebastián, Barcelona e outras cidades europeas, “onde os resultados son máis que positivos”.

No tocante ao transporte público de Santiago, Jorge Duarte laiouse de que non estea organizado. “Non pode ser que os buses pasen cando lles dá a gana, que estean sempre en atascos ou que teñan catro paradas nun espazo de 100 metros”, comentou. Para exemplificar os problemas de transporte na cidade, Duarte puxo o caso da rúa da Ensinanza, a carón da praza de Abastos, “que debería permitir o paso só a autobuses urbanos e taxis, xa que os atascos que se forman aí eliminan todo o sentido do transporte público”.

Na charla para universitarios e expertos, o arquitecto defendeu que “as cidades deben ser para as persoas, e así debemos actuar”. E puxo o exemplo do Ensanche, onde as reformas que se produciron tiñan como obxectivo lograr que a xente non entrase tanto co coche na urbe. “Así e todo, ningún político di directamente que non quere vehículos na cidade, non se atreven”, segundo asegura.

Jorge Duarte tamén subliñou aspectos positivos como o fomento da bicicleta: “Aínda que ao comezo o reparto dos puntos de bicicletas de préstamo non era bo, agora parece que haberá máis bicis en Rodrigo de Padrón e Xoán XXIII”. No referido aos aparcadoiros disuasorios, argumentou que poderían ser medidas efectivas, pero non nunha cidade como Santiago. “O ideal é que a xente non veña en coche, que collan directamente o transporte público desde as cabeceiras de comarca onde vivan. Temos que avogar por un plan de mobilidade a longo prazo que sitúe ao transporte público nun primeiro plano, incluído o tren de cercanías”, afirmou Duarte.

O relator tamén falou do proxecto de teleférico que uniría o centro coa Cidade da Cultura. Para Jorge Duarte, “non hai moita distancia, sería facilmente salvable a pé sempre e cando se solucionen os problemas de desnivel con escaleiras, rampas, ascensores...”. Ademais de falar do “impacto” que suporía colocar un teleférico no parque de Belvís, o presidente do COAG tamén criticou o feito de que se queira facer un teleférico “sen realizar un estudo previo”. E indicou que este proxecto ten como obxectivo dispersar aos turistas do centro, pero “tería moito máis sentido se se dispersan camiñando, ou unindo o teleférico coa futura estación intermodal”.

Ao remate da charla, Jorge Duarte lembrou as iniciativas cidadás que o Colexio de Arquitectos convocou en temas como a nova estación do AVE ou a reforma da Praza de Galicia –“que debe incluír o estudo da mobilidade no seu arredor”–; e anunciou que o Colexio organizará en primavera unhas xornadas divulgativas sobre mobilidade en Compostela.