CineCidade pecha a súa cuarta edición coa película “Cinco días en Saigón”, onde tres persoas cruzan os seus camiños na cidade vietnamita

Karme García, membro do comitésaigon organizador: “A aceptación das películas foi tal que moitos asistentes repetiron varios días”

A web tivo nestas últimas semanas un total de 473 usuarios únicos


A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) está a celebrar esta semana o ciclo de cine CineCidade, baixo o subtítulo Sobreviventes. O ciclo acaba mañá venres coa proxección do filme “Cinco días en Saigón”, ás 21:00 horas na Aula de Cultura de Caixa Galicia.
A película vietnamita de mañá, “Cinco días en Saigón” (do director Stephane Gauger) narra a aventura que correrán en cinco día tres estraños en Saigón. O argumento conta como Lan, asistente de voo, chega cada semana ao aeroporto de Ho Chi Minh e pasa a noite no mesmo hotel. Hai, un garda de zoo, vive tan só para os seus animais ata que o seu xefe lle comunica que o seu elefante será trasladado a un zoo indio. Thuy vive nos suburbios da cidade e non ten máis opción que traballar na fábrica de bambú do seu tío, pero finalmente decide fuxir á cidade. “O filme engloba os dous tipos de supervivencia que o ciclo pretende amosar, a vital e a sentimental” –explicou Karme García, arquitecta e membro do comité organizador do ciclo.

Segundo a arquitecta, esta edición de CineCidade péchase cun gran éxito de público que conseguiu encher o salón de proxeccións. “Nestas dúas primeiras xornadas tivemos unha moi boa acollida de público cunha media de 200 persoas por noite. A aceptación das películas foi tal que moitos asistentes repetiron varios días” –indicou Karme García.

A web creada polo Colexio de Arquitectos de Santiago para recoller todos os contidos do ciclo (www.arquitectosdesantiago.es, www.cinecidade.es) tivo nos últimos quince días un total de 473 usuarios únicos, que visitaron 828 veces a páxina cun promedio de tempo no sitio de máis dun minuto. Con relación a 2009 e combinando os datos da asistencia de público ao ciclo, a organización indicou que se acentuou lixeiramente o interese por esta actividade cultural.