O Colexio de Arquitectos acolle a exposición belga Coups de Coeur, unha actividade programada no marco do Roteiro de Creación 2010

Obra_Valrie_LendersA inauguración terá lugar esta tarde, ás 20:00 horas na Casa da Conga

A presentación contará coa actuación de Coro da Rá

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) pon de manifesto a súa estreita colaboración co Roteiro de Creación inaugurando esta tarde unha exposición na sede do COAG, ás 20:00 horas na Casa da Conga (praza da Quintana, 1). Trátase da exposición “Coups de Coeur”, unha mostra das obras gañadoras do Parcours d’Artistes de Saint-Gilles de Bruselas. Os creadores belgas, un total de cinco artistas, expoñen o seu traballo por primeira vez en Galicia. Durante o acto contarase coa actuación do Coro da Rá.

 

Parcours d’Artistes de Saint-Gilles

Unha das novidades deste ano é a participación no Roteiro de Creación 2010 dos artistas do Parcours d’Artistes de Saint-Gilles, de Bruselas. Os artistas belgas son os pioneros deste evento que se celebra desde 1988 na capital europea e que este ano contou coa participación de 400 artistas e máis de 25.000 visitantes.

Para fomentar o intercambio de artistas y obras de distintos países, o Roteiro de Creación asinou un convenio de colaboración recíproca co Parcours d’artites de Saint-Gilles, que consiste nun intercambio de exposicións dos artistas gañadores do concurso “Operación Frechazo” do Roteiro de Creación, e “Coups de Coeur” do Parcours d’artistes.

Este novo impulso do Roteiro de Creación para difundir e integrar a creación artística e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia no resto de Europa supón unha excelente oportunidade de cooperación dos artistas galegos e belgas, así como a posta en relación das comunidades artísticas, profesionais, institucionais e sociais de ambas cidades.

Exposición “Coups de Coeur”

Os cinco artistas gañadores do Parcours d’Artistes de Saint-Gilles de Bruselas, escollidos polo seu público, presentan esta tarde as súas obras nunha exposición colectiva de Jacques Racket, Valérie Lenders, Pablo Merino, Emmanuel Piron e Roger Bogaert.