A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organiza un ciclo de cine con catro películas sobre “auténticos sobreviventes urbanos”

Cinecidade 2010Karme García, comité organizador do ciclo: “Os personaxes destas historias móvense por cidades tan dispares pero tan parecidas como Berlín, Nueva York, Saigón e Ammam”

Proxectaranse entre o 5 e 8 de outubro na Aula de Cultura de Caixa Galicia [rúa Carreira do Conde]


A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou hoxe a cuarta edición do ciclo CineCidade 4.0 Sobreviventes, que se celebrará entre os días 5 e 8 de outubro. Neste ciclo proxectaranse un total de catro películas (en V.O. subtitulada) na Aula de Cultura de Caixa Galicia ás 21:00 horas, con entrada gratuíta. Na presentación estiveron presentes os membros do comité organizador do ciclo, Karme García e Carmen Rey.
Esta edición, que leva o subtítulo de Sobreviventes, pretende mostrar as cidades como un punto ou lugar de oportunidades que cada un dos seus habitantes deberá aproveitar, non só loitando contra as condicións económicas ou laborais, tamén facendo fronte aos problemas derivados das relacións persoais.  

Segundo Karme García, a temática do ciclo, sobreviventes, xurdiu da propia vida dos protagonistas dos filmes, auténticos sobreviventes urbanos. “Como en pasadas edicións, este ano quixemos mostrar como son as vidas deses sobreviventes en distintos países e en distintas condicións sociais. Os personaxes das historias que desfilarán pola pantalla móvense por cidades tan dispares pero tan parecidas como Berlín, Nueva York, Saigón e Ammam” –explicou Karme García.

As longametraxes


O ciclo está composto por unha relación de longametraxes de directores noveis, agás o traballo do coñecido director italiano Roberto Rossellini Alemania, ano cero. Son todos filmes coñecidos, de carácter positivo, que conseguiron no seu momento un gran recoñecemento internacional.

Os filmes que se proxectarán este ano son: Capitán Abu Raed de Amin Matalqa, o martes-5; o mércores-6, New York, I love you dun grupo de directores onde destacan Yvan Attal, Allen Hughes, Natalie Portman e Scarlett Johansson; Alemania, ano cero de Roberto Rossellini o xoves-7; e Cinco días en Saigón de Stephane Gauger o venres-8.
Para consultar os detalles do programa do ciclo, os interesados poden acceder a web oficial do ciclo: www.cinecidade.es, ou comentar as súas sensacións e opinións no facebook www.facebook.com/CineCidade.