A Asociación Sostenibilidad y Arquitectura inaugura mañá en Santiago unha árbore urbana artificial para reivindicar accións baseadas na sustentabilidade

prototipo_arbolO acto celebrarase en Conxo, na Praza de Aurelio Aguirre, ás 12:30 horas, coa asistencia da presidenta da Asociación e do alcade de Santiago

A Asociación Sostenibilidad y Arquitectura (ASA), colectivo nacional independente liderado por arquitectos e urbanistas para traballar en temas relacionados coa  sustentabilidade, inaugura mañá mércores-7 de xullo, ás 12:30 horas na Praza de Aurelio Aguirre de Conxo, unha das súas propostas de accións urbanas. O acto estará presidido pola presidenta da Asociación, María Jesús González; o seu tesoureiro, Andrés Perea; a súa secretaria, a arquitecta afincada en Santiago Teresa Banet; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antón Sánchez Bugallo; e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; ademais do presidente da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte.

 

Trátase da Árbore Urbana, un elemento que semella unha árbore e que funciona coa enerxía xerada polo impulso dos pedais cos que conta. Os cidadáns que desexen probalo poderán comprobar como ese esforzo físico pode converterse en enerxía. O pedaleo permite que esta árbore urbana regue as plantas que medran na súa copa, ademais de xerar enerxía para a recarga de dispositivos eléctricos, ordenadores e teléfonos móbiles, entre outros elementos. Esta Asacción, termo ideado polos socios para definir este tipo de accións, permanecerá en Santiago durante dúas semanas.

Esta acción é o froito dun concurso convocado por ASA, co patrocinio de Porcelanosa e dos Concellos de Alcalá de Henares (Madrid) e Santiago de Compostela. O certame, dirixido a mozos e mozas arquitectos e estudantes de Arquitectura, convocouse durante a primavera de 2009 e buscaba premiar propostas de baixo custo consistentes en prototipos de árbores artificiais que introducisen, ademais das funcións propias que as árbores xa teñen na cidade, novos programas de uso e sensibilización ambiental. Os gañadores foron os arquitectos Uriel Fogué e Carlos Palacios (do estudo Elli arquitectura).

O xurado do proxecto valorou da proposta gañadora a súa capacidade para trasladar a un público xeral preocupacións propias dos contextos ecosensibles, por medio de estratexias lúdicas e con programas de acción mixtos, ao mesmo tempo infraestruturais e performativos.

A Asociación ASA busca fortalecer a relación entre a sustentabilidade e a arquitectura

A Asociación ASA xurdiu impulsada polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) no ano 2007. A Asociación eríxese así como unha tribuna de opinión social, cultural e política, e como un recurso de coñecemento e experiencia en torno á sustentabilidade das arquitecturas, entendidas estas como o urbanismo, a arquitectura e os espazos construídos.

A Asociación naceu co empeño de amosar á sociedade como unha actuación consciente e responsable destas arquitecturas pode contribuír á consecución dos retos sostibles. Na actualidade conta con 210 socios de carácter individual e 10 Colexios de Arquitectos. A intervención dos socios artéllase a través da web www.sostenibilidadyarquitectura.com, a cal está en permanente actualización e participación, permitindo reunir nun foro específico aos maiores especialistas e aos interesados neste tema.

Nos tres anos de vida ASA desenvolveu numerosas actividades e intervencións nos medios urbanos, buscando o fortalecemento na opinión pública do vínculo existente entre a sustentabilidade e a arquitectura.