O Colexio de Arquitectos de Santiago e o Concello de Noia organizan unhas xornadas arredor do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Celebraranse en setembro e outubro na casa da cultura de Noia e participarán seis acreditados profesionais

Hai 70 prazas, a inscrición é gratuíta e pode formalizarse dende o 26 de agosto na web colexial www.coag.es

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia e o Concello de Noia organizan en setembro e outubro unhas xornadas divulgativas baixo o título de Planeando: Plan Xeral de Ordenación Municipal de Noia. Serán catro sesións, tres conferencias e unha charla-coloquio, “de carácter didáctico e entretidas”, segundo subliña o programa, co fin de incentivar a participación de persoas sen relación profesional co urbanismo ou a planificación, polo que están dirixidas aos cidadáns en xeral, aínda que tamén a técnicos implicados en temas urbanísticos e do hábitat.

A inscrición é gratuíta, pero obrigatoria cara a obter o correspondente certificado de participación, e o prazo comeza o luns, 26 de agosto, un trámite que se debe facer a través da web do Colexio de Arquitectos www.coag.es . Hai 70 prazas.

As xornadas propóñense coa intención de iniciar unha reflexión baseada no traballo e a exemplarización de elementos que forman parte da transformación dunha vila como Noia, segundo indica o colexio profesional: “Coa ocasión da presentación pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Noia temos a oportunidade de debater sobre os principios que rexen ou deben rexer a planificación urbana dunha vila. Ademais pensemos que en Galicia as vilas son núcleos urbanos moi representativos, cunha escala de capacidade de relación coa contorna que fan que os cidadáns sexan quen de comprender e participar nos procesos de transformación dos espazos privados e compartidos”.

En cada charla participará como relator un especialista nun tema concreto, que dará pé ao debate e á discusión, así como á aclaración de dúbidas por parte dos presentes, sobre a mellor configuración dos espazos urbanos. Cada relator ofrecerá unha imaxe do proxecto urbano dende o punto de vista da sociedade, da Administración e do técnico independente.

O urbanismo non é só unha distribución de superficies edificables, mentres que a planificación é un acordo social subscrito polos individuos dunha determinada comunidade, segundo se recolle no texto de presentación das xornadas.

PROGRAMA

6 de setembro
Leandro del Río
Arquitecto e Urbanista.            
“Aproveitamentos e superficies en plans xerais”
Hora: 19:30

13 de setembro
Manuel Borobio
Arquitecto
Director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia
“Os Plans Xerais de Ordenación e o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia”
Hora: 19:00

20 de setembro
Juan Requejo
Licenciado en Ciencias Económicas
Licenciado en Xeografía
Consultor de planificación.
“Planeamento, individuo e sociedade”
Hora: 19:00

11 de outubro
Alfonso Salgado e Francisco Liñares
(SalgadoeLiñares ArquitectosEnxeñeiros)
Arquitectos
“Intervencións en Noia”

Sebastián Ríos
(UNO70 ARQUITECTURA)
Arquitecto
“Intervencións en Noia”

Álvaro Marín e Alfonso Castro
(2es+ ESTUDIO DE ARQUITECTURA)
Arquitectos
“Intervencións en Noia”
Hora: 19:00

Lugar:        Casa da Cultura “Antón Avilés de Taramancos” de Noia
Rúa Corredoira de Luis Cadarso s/n

Número de prazas:    70

Inscrición: A partir do 26 de agosto, na web do COAG. Gratuíta.