O prestixioso arquitecto e urbanista italiano Pietro Laureano ofrece unha conferencia sobre o valor dos recursos tradicionais na xestión sustentable do territorio e a cidade, mañá ás 20:00 horas no CGAC

cicloaguaÉ consultor da UNESCO como experto en zonas áridas, a civilización islámica e os ecosistemas en perigo

Esta charla é a primeira do ciclo de conferencias que organiza o Colexio de Arquitectos de Santiago: A auga de Compostela. Patrimonio para unha cidade sustentable

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG-Santiago) presentou hoxe un ciclo de conferencias sobre A auga de Compostela. Patrimonio para unha cidade sustentable, en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente de Santiago e o Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación da USC. No acto estiveron presentes o presidente do COAG-Santiago, Jorge Duarte; o coordinador da Comisión de Cultura do COAG-Santiago, Iván Andrés; e a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos.
O primeiro dos invitados ao ciclo é o arquitecto e urbanista italiano Pietro Laureano, Laureano_que ofrecerá un relatorio mañá xoves, 24 de xuño, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ás 20:00 horas. O acto contará coa presenza do arquitecto catalán Albert Cuchí, titor do máster e encargado de presentar a charla. Segundo o Colexio compostelán os destinatarios deste ciclo son os cidadáns en xeral e todos os axentes responsables vinculados á paisaxe, ao territorio e a sustentabilidade.

Este ciclo englóbase dentro dunha liña en que a Delegación de Santiago do COAG leva tempo traballando: “A busca de novos modelos baseados na recuperación de coñecementos tradicionais que permitan enfrontarse á nosa urxente necesidade de crear e habitar medios sostibles e profundar no estado do oficio de arquitecto, e tal vez na súa reformulación” –indicou Iván Andrés. “Despois da homenaxe aos aserradeiros como zonas industriais tradicionais e a posta en valor do mundo da artesanía, temas centrais dos dous últimos Días Mundiais da Arquitectura, presentamos agora os ciclos dinámicos da auga nesta conferencia” –continuou.

Jorge Duarte apuntou que o Colexio trata sempre de fomentar a participación e o diálogo coa sociedade nos temas relacionados coa sustentabilidade e a mobilidade, de xeito previo á toma de decisións políticas para a transformación da cidade. Pola súa parte, Elvira Cienfuegos destacou a colaboración das dúas institucións en prol da sustentabilidade, e en concreto no interese pola xestión da auga de Compostela.

Traballos do Máster


Pietro Laureano pronunciará unha segunda conferencia complementaria e aberta ao público na clausura do curso 2009-2010 do Máster de Renovación Urbana e Rehabilitación, que se celebrará o venres-25, ás 18:30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Ao longo da edición do Máster desenvolvéronse no seu taller varios traballos sobre a xestión das augas de escorrentía urbana de Santiago de Compostela, centrados en tres cuncas que verten sobre o río Sar (a cidade histórica, desde Caldeiraría Orfas-Calderería-Preguntoiro cara ao este, Fontiñas e Santas Mariñas) e nas Brañas do Sar.

O obxectivo destes traballos foi o estudo dos sistemas de xestión das augas utilizados tradicionalmente na cidade de Santiago de Compostela, co fin de plantexar propostas que reduzan os niveis de contaminación da auga devolta ao medio, o impacto das obras hidráulicas, o dispendio da auga potable, a erosión do terreo e os custos da depuración e distribución. Ao mesmo tempo preténde recuperar o aproveitamento agrícola e gandeiro das augas e o uso polos veciños de medios hoxe en día segregados da cidade.

A presentación destes traballos (que se realizará na segunda quincena de setembro) e a conferencia do arquitecto Pietro Laureano, máxima autoridade mundial en sistemas tradicionais de xestión da auga, son o núcleo principal do ciclo organizado polos arquitectos de Santiago.

Perfil Pietro Laureano

Pietro Laureano (Tricarico, 1951) é arquitecto, experto en técnicas tradicionais e planificación urbana e territorial. É consultor da UNESCO, director de IPOGEA, membro do ICOMOS (International Council on Monuments Sites), e coordinador de proxectos da Unión Europea e dos ministerios italianos de Asuntos Exteriores e Educación. Ademais, é profesor do “Master en Ciencia e Proxecto da Paisaxe ”, da Università degli Studi dei Bologna e do “Master en proxecto e xestión urbana e fluvial na planificación ”, da Università dei Basilicata. Participou como asesor na exposición Zaragoza 2008 na xestión científica do pavillón da auga (SEDE).
Os seus principais temas de estudo son a restauración arquitectónica, a arqueoloxía, a planificación ambiental, as tecnoloxías tradicionais na xestión dos recursos hídricos, a ecoloxía e a arquitectura tradicional. Os seus estudos desenvolvéronse sobre todo no Mediterráneo setentrional, o norte de África e América Latina.
Pode consultarse un currículo máis amplo, cunha relación dos seus traballos en:
http://www.laureano.it/web/?page_id=18&language=it
http://www.ipogea.org