A CEG presenta unha guía destinada a detectar e previr os riscos psicosociais nas empresas galegas

riesgos_psicosocialesPoden manifestarse cun maior absentismo laboral, a aparición de conflitos de carácter disciplinario ou a diminución do rendemento

Trátase de evitar nos traballadores alteracións como o estrés laboral, a síndrome do burnout e o acoso ou mobbing

A Confederación de Empresarios de Galicia presentou esta tarde unha “Guía sobre Prevención de Riscos Laborais Psicosociais”, destinada a orientar ás empresas galegas na xestión dos problemas de índole psicosocial que poden afectar aos seus traballadores. Foi no marco dunha xornada centrada na avaliación deste tipo de riscos, que tivo lugar na sede da CEG, promovida en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.

Esta guía pretende ser un instrumento que axude ás empresas a coñecer que son os riscos psicosociais, como afectan á organización, como se poden detectar, así como o proceso que se debe seguir para evitar ou minimizar os seus efectos. A finalidade é mellorar o benestar e a saúde dos traballadores e o desenvolvemento do propio traballo.

A guía, que está dispoñible na páxina web da CEG, é o resultado dun estudo previo realizado pola entidade sobre factores de risco psicosociais por sectores. Analizouse o comercio, a hostalaría, oficinas e despachos, o transporte, a construción e a pesca. Tivéronse en conta factores de risco como o ambiente físico do posto de traballo (iluminación, ruido, temperatura, humidade, correntes de aire…), a comunicación interna na empresa, a participación dos empregados na toma de decisións, a carga de traballo, as consecuencias de traballar a quendas e a satisfacción dos traballadores.

Dende a CEG explican que “os factores psicosociais relaciónanse de maneira directa coa organización, co contido do traballo ou coa realización da tarefa. E poden afectar tanto ao benestar ou á saúde (física, psíquica ou social) do traballador como ao desenvolvemento do traballo”. Así, unhas condicións psicosociais desfavorables poden desencadear na aparición de alteracións como o estrés laboral, a síndrome do burnout (popularmente coñecido como “estar queimado”) e o acoso laboral ou mobbing.

Os indicadores de tipo laboral que alertan da presenza de factores de risco psicosocial no contorno de traballo son un maior absentismo laboral, o incumprimento dos horarios, problemas de carácter disciplinario, aumento de peticións de cambio de posto ou de quenda, así como a diminución do rendemento laboral. Pola súa parte, os indicadores médicos están vencellados coa saúde dos traballadores como o insomnio, alteracións alimenticias, dores de cabeza, problemas dermatolóxicos ou musculares, agresividade, incremento dos casos de ansiedade ou de depresión, entre outros trastornos.