A Real Filharmonía de Galicia arranca este martes cun ciclo de concertos gratuítos ao aire libre en barrios de Santiago

Ao longo da semana celebraranse un total de cinco actuacións en Fontiñas, Vite, Conxo, San Pedro e no Ensanche 

O Consorcio de Santiago presenta este luns a iniciativa, destinada a achegar a orquestra e a música clásica ao público 

O Consorcio de Santiago ten o propósito de achegar cada vez máis a Real Filharmonía de Galicia e a música clásica aos cidadáns. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia. Nesta liña, a RFG arrancará a vindeira semana con varios concertos gratuítos ao aire libre en barrios significativos da cidade compostelá; baixo a batuta do mestre holandés afincado en Galicia Bram Sniekers. Este luns, 14 de setembro, o Consorcio de Santiago presentará esta iniciativa en rolda de prensa, ás 11:00 horas.

Ao longo da semana celebraranse un total de cinco actuacións, que terán lugar o martes 15 en Fontiñas, o mércores 16 en Vite, o xoves 17 en Conxo, o venres 18 en San Pedro e o sábado 19 no Ensanche. Cada unha destas citas musicais comezará ás 20.00 horas.

O concerto de Fontiñas celebrarase na Praza de Europa, en Área Central. O de Vite terá lugar no parque da Ponte Mantible. O de Conxo será detrás do centro sociocultural Aurelio Aguirre. A actuación do barrio de San Pedro será no xardín da Zona C de Bonaval. E, por último, o concerto programado para o Ensanche terá lugar na Praza Roxa. No caso de choiva, fixaranse espazos alternativos para cada un destes concertos. 

Obras clásicas e románticas para todos os públicos

A Real Filharmonía achegará ao público unha selección de obras clásicas e románticas moi populares. Así, os concertos comezarán coa obertura de As vodas de Fígaro de Mozart. De seguido a orquestra tocará a obertura de Coroliano de Beethoven. Os asistentes tamén poderán escoitar parte da Suite nº 1 “Peer Gynt” do compositor noruegués Edvard Grieg.

Os músicos tocarán ademais a obertura de As Hébridas de Mendelssohn. A continuación interpretarán a obertura de A italiana en Alxer do compositor italiano Gioachino Rossini e os concertos rematarán cun fragmento de O soño dunha noite de verán de Mendelssohn.