Expertos médicos recomendan o tratamento termal para tratar a nenos con perda de urina durante a noite
- Detalles
- Categoría: Uncategorised
- Published: Venres, 04 Abril 2014 12:32
- Escrito por Eva
- Visitas: 857
Tamén lles axuda a previr e aliviar afeccións respiratorias como asma, sinusite, otite, catarro ou acumulación de moco
E mellora a vida dos menores afectados por dermatite atópica ou psoríase, evitando o abuso de fármacos con corticoides, non recomendables na etapa de crecemento infantil
No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, mañá sábado, día 5, celébrase unha nova xornada práctica dirixida a futuros facultativos. Será no balneario de Baños da Brea, situado na localidade pontevedra de Vila de Cruces. O doutor Ricardo Vázquez, director médico do balneario, abordará os aspectos máis destacados do termalismo pediátrico. A sesión comezará ás 10:30 horas e estenderase ata a primeira hora da tarde.
O doutor explica que o termalismo pediátrico é un tratamento preventivo indicado especialmente para tratar patoloxías dermatolóxicas e respiratorias dos nenos e tamén dos adolescentes. A través da cura termal pódense previr ou aliviar afeccións nas vías respiratorias como a asma, a sinusite, a otite ou un simple catarro e acumulación de mucosidade.
En relación aos problemas na pel, Vázquez sinala que o tratamento termal pode mellorar a vida de nenos e nenas afectados por dermatite atópica ou psoríase, evitando o abuso do tratamento farmacolóxico con corticoides, un medicamento con fortes efectos secundarios nada recomendables na etapa de crecemento infantil. En menor medida, tamén se prescribe tratamento termal para a perda de ouriños pola noite nos nenos de curta idade, un trastorno coñecido como enurese.
O especialista recomenda complementar os servizos pediátricos preventivos con técnicas como as inhalacións, indicadas para tratar afeccións nas vías respiratorias superiores; os aerosois ou microgotas para as vías respiratorias inferiores; ademais do tratamento en cama de vapor ou sauna húmida, aconsellable para calquera afección respiratoria. No caso dos problemas dermatolóxicos, o doutor Vázquez destaca o uso das duchas de chorros suaves.
Tal como salienta o doutor, na actualidade os balnearios galegos están a avanzar na implantación do termalismo pediátrico, co fin de estender esta práctica entre o campo médico e nas familias. E fai referencia á experiencia previa de países como Francia e Alemaña, que, cunha lexislación máis adaptada ao termalismo pediátrico, posúen programas específicos nos seus centros termais.