Os centros tecnolóxicos Aimen, Energilab e Gradiant presentarán as súas liñas de investigación e servizos a empresas de Santiago

tecnologicoFalarán sobre eficiencia enerxética, tecnoloxías da información e das comunicacións e innovación ambiental

Esta xornada da Feira do Coñecemento celebrarase o mércores-22 de maio na Cámara de Comercio de Santiago

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela organiza o próximo 22 de maio un encontro empresarial gratuíto entre empresas da cidade e da comarca e tres centros tecnolóxicos sobre “Que poden aportar os centros comerciais tecnolóxicos a miña empresa?”, incluído dentro do programa Feira do Coñecemento. A conferencia, que comezará ás 10:30 horas no salón de actos cameral, estará dirixida polo delegado comercial Zona Norte da Asociación de Investigación Metalúrgica del Noroeste (AIMEN), Ignacio Couñago; o director comercial de Energilab, Pedro Gómez; e o director comercial de Gradiant, Miguel Regueiro.

Na xornada, os asistentes aprenderán a buscar transferencia de coñecemento nos centros tecnolóxicos, mediante o desenvolvemento de programas conxuntos subvencionados. O programa Innovación e Transferencia do Coñecemento (Feira do Coñecemento), cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e as Cámaras de Comercio, focalízase nun dos retos clave da economía española: desenvolver unha dinámica de innovación estratéxica para as pemes que fundamente unha competitividade máis sólida e un crecemento máis sostible, valéndose dun modelo de transferencia orientado a resultados, pensado para a especificidade da pequena e mediana empresa.

Esta xornada está dirixida a empresarios, xerentes e directivos de empresa, responsables e profesionais das áreas de proxectos e enxeñería de I+D+i, tecnólogos, xefes de produto e calquera outro tipo de profesionais implicados na innovación, o lanzamento e a mellora de novos produtos e servizos, ademais de ao público en xeral interesado na innovación.

O secretario xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros, realizará unha presentación dos obxectivos xerais do programa Feira do Coñecemento. A principal finalidade desta iniciativa é potenciar mecanismos estables de cooperación público-privada, establecer nexos entre as infraestruturas de coñecemento (universidades, centros de investigación ou centros de formación profesional) e as empresas, fomentar a formación continua das empresas e estimular a demanda para crear adaptabilidade e dinamismo no tecido empresarial galego.

O representante de Aimen explica que esta asociación metalúrxica dispón dunha planta de tecnoloxías de unión e un centro de aplicacións láser. Ademais, Aimen realiza ensaios e análise de materiais, inspeccións, difusión de oferta tecnológica, enxeñería, deseño e simulación, proxectos ambientais, traballos de organización industrial e sistemas de xestión.

O Centro Tecnológico de Eficiencia y Sostenibilidad Energética (EnergyLab) é unha fundación privada sen ánimo de lucro que ten como misión desenvolver e difundir tecnoloxías e produtos que optimicen a eficiencia e a sostibilidade enerxética, nos sectores industrial, terciario e na sociedade en xeral. “Lideramos proyectos que comparten la búsqueda de la eficiencia y la sostenibilidad, y que se fundamentan en nuestro conocimiento tecnológico y nuestra experiencia, tanto en análisis energético como en desarrollo de medidas de ahorro” –explica Pedro Gómez–.

Energylab ofrece servizos orientados á eficiencia enerxética axustados a cualquera ámbito empresarial. Con este fin, estableceron medidas e indicadores obxectivos, tanto na optimización enerxética como na puramente económica, conseguindo a curto prazo resultados medibles na empresa. Tamén participan en proxectos demostrativos e de I+D+i, a través de convocatorias de carácter público e iniciativas privadas.

Por outra parte, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) está composto por un padroado que agrupa a representantes do sector público (Consellería de Economía e Industria e a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia), as tres universidades galegas (Vigo, Santiago e A Coruña) e sete compañías de referencia

no sector das Telecomunicacións como son Arteixo Telecom, Egatel, Indra, R, Telefónica, Televés, Vodafone e a Asociación empresarial INEO, que agrupa a máis de 80 empresas do sector TIC galego.

Gradiant é unha fundación privada, sen ánimo de lucro, establecida en decembro de 2007 e nacida co obxectivo de aliñar a I+D+i universitaria coas demandas empresariais. Segundo Miguel Regueiro, Gradiant desempeña un papel fundamental na xeración e transferencia de coñecemento en tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) cara as empresas. Ademais, o centro ten un compromiso coa calidade que propiciou que obteña a certificación de Xestión de Calidade UNE-EN ISO 9001:2008 e a de Sistemas de Xestión de Proxectos de I+D+i UNE 166002.

A xornada pecharase cun encontro 1X1 entre os relatores e os participantes para debater os casos concretos de cada asistente e analizar a viabilidade dos proxectos.

Para inscribirse: http://www.camaracompostela.com/Default.asp?m=3&p=315