O tratamento integral nos balnearios logra reducir a inxesta de medicamentos nas persoas maiores

hidro_webUnha cura termal de entre 10 e 15 días consigue unha melloría física que perdura entre os 3 e 6 meses seguintes

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o balneario de Arnoia acolle mañá sábado unha sesión sobre a atención a persoas maiores nos balnearios. A coordinadora é Dolores Fernández Marcos, directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (no concello de Cenlle) e Lobios.

A doutora salienta que “o paciente xeriátrico debe tratarse na súa globalidade, é dicir, tendo en conta todo o que significa o envellecemento”. Nesta liña, incide en que a marcha e o movemento do corpo en xeral é máis lento, a pel móstrase máis fráxil, xorden problemas no aparato circulatorio, entre outros moitos aspectos. A este conxunto de dificultades engádese a toxicidade que provoca no paciente a inxesta de medicamentos diversos, xa que en idades avanzadas adoitan coexistir varias doenzas crónicas como é o caso da tensión arterial elevada ou o colesterol.

“Intentamos aglutinar todos estes factores na terapia termal con persoas maiores, de cara a mellorar a súa mobilidade, fortalecer a pel senil, mellorar o fluxo circulatorio, diminuír os edemas nas pernas inchadas e a dor en xeral. E, en consecuencia, lograr reducir o consumo de medicamentos” -manifesta a doutora-. Fernández Marcos afirma que a finalidade deste tratamento integral é contribuír ao envellecemento activo das persoas da terceira idade.

A doutora sinala que os maiores acoden ao balneario entre dez e quince días seguidos. “O resultado é unha importante melloría física que perdura no tempo, entre os tres e seis meses seguintes consiguen ter unha boa calidade de vida. E eles mesmos xa notan cando teñen que volver ao balneario para sentirse ben de novo” -apunta-. Nos centros termais as persoas maiores son atendidas por un equipo interdisciplinar de especialistas, entre os que se atopan médicos, fisioterapeutas, masaxistas e nutricionistas, entre outros.

A doutora explica que nestes pacientes emprégase tanto a auga en bebida como diferentes técnicas en baños, bañeiras, chorros, duchas… xunto coa aplicación de calor mediante a utilización de peloides termais ou parafangos, entre outros produtos. Tamén poden realizar exercicios controlados por un monitor na piscina, a denominada hidrocinesiterapia. Fernández indica que esta terapia axuda a mellorar a función respiratoria e os sistemas circulatorio e muscular. “É unha técnica moi efectiva en procesos crónicos ou agudos dos ósos e músculos como reumatismos, osteoporose e diversas patoloxías da columna vertebral” -asegura-.