Inicio

O Día Mundial da Arquitectura convértese nunha xornada de debate para dar solucións arquitectónicas e urbanísticas fronte ao cambio climático

Co lema “Arquitectura, Construción, Clima”, as sete delegacións do Colexio de Arquitectos programan actividades para enxalzar a arquitectura sostible e responsable

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o próximo luns, 5 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o lema “Arquitectura, Construción, Clima. Compromisos e solucións”, de acordo á convocatoria anual que fai a Unión Internacional de Arquitectos (UIA), organización que representa a 1,3 millóns de arquitectos de todo o mundo. Desenvolveranse actividades enfocadas a resaltar o papel determinante da arquitectura, o deseño e o urbanismo na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

O obxecto desta efeméride é promover accións, prácticas e solucións que ilustren o enorme potencial da arquitectura e o urbanismo fronte ao cambio climático global, “un dos grandes desafíos do noso tempo”, –maniféstase na declaración institucional da UIA–. Na conferencia das Nacións Unidas “COP 21” que se celebrará en París do 30 de novembro ao 11 de decembro, e mediante unha serie de eventos dedicados á arquitectura responsable, a UIA porá de manifesto as aportacións dos arquitectos no mundo.

Seguindo esta pauta, as delegacións galegas do Colexio de Arquitectos de Galicia organizan para a Semana da Arquitectura actividades orientadas a ofrecer propostas para mellorar a situación ambiental das cidades e vilas galegas. Tratarán de poñer de relevo o deseño responsable, os seus efectos no desenvolvemento das cidades e edificacións e promoverán accións arquitectónicas e urbanísticas para tentar solventar un dos problemas máis importantes deste tempo, o cambio climático.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DA CORUÑA

TEMA.-  Mesa debate sobre aspectos relacionados coa cidade coruñesa do futuro

A Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos propón para este día a posta en valor das arquitecturas e os espazos urbanos do seu ámbito territorial, abarcando desde a arquitectura tradicional ata as actuacións contemporáneas, nas que se atopen criterios de sustentabilidade. “Sempre foi a ter en conta neste aspecto a arquitectura popular e, na cidade da Coruña atopamos, na fachada de galerías da Mariña, un magnífico exemplo de construción adaptada ao medio que utiliza intelixentemente estratexias pasivas de acondicionamento térmico mediante captación solar” –indica a delegación–. Pero non só estas arquitecturas adáptanse ao medio, senón que a propia cidade realizou desde as súas orixes esta adaptación. A Coruña nace mirando ao Sur, ao abrigo da baía, protexéndose dos ventos e da bravura do Atlántico.

Como acto principal, a delegación convoca a todos os veciños da Coruña o vindeiro luns-5 de outubro ás 19:30 a unha mesa de debate na Sala de Arquitectura sobre aspectos da cidade relacionados coa urbe que está por vir: novas condicións e modelo de cidade, mobilidade, o espazo público, relación entre barrios, novas e futuras infraestruturas e oportunidades naquelas que desaparecerán, o porto, a relación coa contorna natural, etc.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE FERROL

TEMA.-  Percorrido desde a praza do Cruceiro de Canido ata o paseo litoral do barrio de Caranza

A Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos propón unha reflexión sobre a situación ambiental do conxunto da cidade, prestando especial atención a aspectos como o comportamento enerxético das edificacións, o conflicto entre tráfico rodado e espazos públicos, a xestión deficiente do ciclo da auga, a contaminación lumínica que provoca a iluminación pública, a urbanización extensiva inxustificada, a adaptabilidade climática das especies plantadas nos espazos públicos, etc.

Esta reflexión desenvolverase en dous momentos. O primeiro, o próximo domingo-4 de outubro a partir das 11:00 horas. Percorrerase a cidade desde a praza do Cruceiro de Canido ata o paseo litoral do barrio de Caranza, e que terá unha duración aproximada de dúas horas. O itinerario incluirá o barrio da Madalena, a Alameda do Carbón, a Praza da Constitución, a Praza de España, o barrio de Ultramar e a urbanización do Bertón. En cada un dos oito puntos do percorrido un grupo de profesionais, pertencentes ao Colexio ou a Verdegaia, irán explicando aspectos relacionados coas condicións ambientais destes oito fragmentos de cidade.

Nunha segunda xornada, o luns-5 a partir das 19:30 horas, celebrarase na Delegación (rúa Real 14-16 baixo), unha xornada de debate para que os participantes do percorrido e todas as persoas interesadas propoñan solucións para as oito problemáticas expostas no día anterior. Estas propostas recolleranse nun documento de conclusións que será trasladado á cidadanía, a través dos medios de comunicación, na semana seguinte.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE LUGO

TEMA.- Convocatoria e divulgación de propostas arquitectónicas comprometidas coa sustentabilidade

A Xunta Directiva da Delegación de Lugo propón a divulgación de propostas arquitectónicas comprometidas coa sustentabilidade e realizadas no seu ámbito territorial ou en calquera outra localización se foron deseñadas por arquitectos/as colexiados/as na Delegación lucense.

A convocatoria, aberta entre o 15 e o 29 de setembro, admitía obras en execución ou que foran construídas nos últimos dez anos e comprometidas coa mellora do medio ambiente, mediante unha baixa emisión de CO2, tanto no seu uso como na súa construción, unha alta eficiencia enerxética, a utilización de enerxías renovables e o deseño baseado na utilización de técnicas bioclimáticas.

Un comité da delegación seleccionará un máximo de cinco proxectos aos que se lles dará difusión a través da páxina web da delegación de Lugo. Ademais, os autores dos proxectos seleccionados serán convidados a expoñer a súa obra en encontros a programar na delegación. A selección realizarase en base á mellor relación entre a arquitectura proposta, a solución construtiva, o menor custo por metro cadrado estimable e a maior eficiencia enerxética. O resultado darase a coñecer por medio da web colexial (Web colexial: http://www.coaglugo.es/gl/noticias/994/dia-mundial-da-arquitectura-2015-convocatoria/) o 5 de outubro, Día Mundial da Arquitectura.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE OURENSE

TEMA.- “Conversas no Tinteiro”, coñecendo os teus  recursos naturais

A Delegación de Ourense do Colexio de Arquitectos tratará polo Día Mundial da Arquitectura 2015 poñer en relevo o uso responsable dos recursos que a propia natureza ofrece en aras da sustentabilidade. Por esta razón, a delegación ourensá rende homenaxe á Fonte de O Tinteiro como exemplo de arquitectura termal que permitiu a sustentabilidade e o aproveitamento dun recurso natural con fins hixiénicos, terapeúticos e curativos ao longo dos anos.

O manancial de O Tinteiro, próximo á zona da Chavasqueira, é un dos enclaves termais de referencia co que conta Ourense. Trátase dunha fonte de augas termais, de uso gratuíto. As súas augas presentan un caudal mínimo de 0,4 l/s e son bicarbonatadas-sódicas e sulfuradas, augas con indicacións terapéuticas para o tratamento de afeccións dermatolóxicas e reumáticas.

Foron rehabilitadas polo Concello de Ourense, dentro do proxecto de recuperación integral da marxe dereita do río Miño. Da man da arquitecta Mónica Rúa Ferreño o vindeiro luns-5 os ourensáns coñecerán os pormenores da súa renovación a través da intervención arquitectónica realizada, que logrou transformar o espazo, dignificalo e convertelo en visita obrigada para turistas.

En contraposición ao uso responsable dos recursos naturais, a delegación amosa a súa preocupación por que a sociedade en xeral non se tome en serio os efectos que pode ter o cambio climático. Por este motivo celebra o luns-5 “Conversas no Tinteiro”. Nesta xuntanza, que se celebrará ás 18:30 horas, a xunta directiva xerará un debate expoñendo cuestións relacionadas coa arquitectura, a construción, o clima e o uso racional dos recursos naturais.

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA

Tema.- Visita a “Os Pendellos” de Agolada

A Delegación en Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza no Día Mundial da Arquitectura unha visita a “Os Pendellos de Agolada”, construción datada a finais do século XVIII como un dos máis claros e singulares exemplos da arquitectura tradicional na provincia de Pontevedra.

Moitas pezas da arquitectura tradicional actuaron durante anos como construcións respectuosas co medio ambiente. Son os muíños, lavadoiros, torres de alarma, pendellos, pozos, mercados, etc…. Trátase de arquitecturas moitas delas de  uso comunitario, que permitiron a sustentabilidade de comunidades e souberon aproveitar ao máximo os recursos naturais e materiais para permitir ou preservar os cultivos, actividades gandeiras, seguridade cidadá, mellora dos abastecementos e relacións comerciais. Con este motivo, a delegación invita a todos os concellos da demarcación a visitar "Os Pendellos de Agolada" o vindeiro luns, día 5, a partir das 17:00 horas.

E en colaboración co Concello de Agolada, a delegación pon un autobús a disposición dos colexiados e acompañantes que queiran achegarse ese día ao municipio pontevedrés. Sairá da Praza de Galicia de Pontevedra ás 15:45 horas (diante de Hiperxel), e regresará ás 20:00 horas. Os interesados deberán realizar unha reserva de praza previa, enviando un mail a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Ademais, dentro da programación dos actos do Día Mundial da Arquitectura, programouse para o mes de outubro a proxección de varios documentais de arquitectura na Casa das Campás de Pontevedra, en colaboración co Cine Clube Pontevedra e a Fundación Caixa de Arquitectos. O ciclo “Cine e arquitectura” comezará o martes-6 con catro documentais de Juan Sebastián Bollaín, ás 20:15 horas:

1.    “Sevilla en tres niveles”
Sinopse:http://fundacion.arquia.es/es/mediateca/filmoteca/Ficcion/Detalle/11?seccion=FIC&catalogo=1)
2.    “Soñar con Sevilla I”
Sinopse:http://fundacion.arquia.es/es/mediateca/filmoteca/Documentales/Detalle/123?seccion=DOC&palabra=sevilla&catalogo=1)
3.    “Soñar con Sevilla III”
Sinopse:http://fundacion.arquia.es/es/mediateca/filmoteca/Documentales/Detalle/124?seccion=DOC&palabra=sevilla&catalogo=1)
4.    “La Alameda”
Sinopse:http://fundacion.arquia.es/es/mediateca/filmoteca/Documentales/Detalle/122?seccion=DOC&palabra=La+Alameda&catalogo=1).

O martes, 13 de outubro, o ciclo continuará coa proxección das películas “Un sueño nómada” de J. LL. Sert e o documental “Manolo Gallego”, ás 20:00 horas. A seguinte cita será o martes, 20 de outubro, ás 20:15 horas coa cinta “Ficción Inmobiliaria I e II” do colectivo Left Hand Rotation.  
(Sinopse:http://fundacion.arquia.es/es/mediateca/filmoteca/Ficcion/Detalle/14?seccion=FIC&catalogo=1).

O ciclo terminará o martes, 27 de outubro, coa proxección “No-res, vida y muerte en un espacio de tres actos” de Xavier Artigas, ás 20:15 horas.
(Sinopse: http://www.catalanfilmsdb.cat/es/producciones/documental-largometraje/no-res-vida-y-muerte-de-un-espacio-en-tres-actos/3873/).

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE SANTIAGO

TEMA.- Conferencia “Leccións do patrimonio construído para un hábitat sustentable: materiais, clima, territorio, sociedade”

A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos organizará na efeméride do Día Mundial da Arquitectura unha conferencia titulada “Leccións do patrimonio construído para un hábitat sustentable: materiais, clima, territorio, sociedade” a cargo do arquitecto Alejandro Fernández Palicio. Celebrarase o luns-5 na delegación compostelá (Praza da Quintana 1, 3º), ás 19:30 horas.

Na súa intervención, o arquitecto explicará cal é a conexión entre o vernáculo e o sustentable. Segundo Fernández Palicio, o concepto de sustentabilidade progresou desde unha aproximación máis alternativa ata unha aproximación tecnolóxica e hihg-tech. E pola súa banda, o patrimonio vernáculo ten para o arquitecto un importante rol a desenvolver na sociedade actual, como “inspirador do hábitat sustentable e do low-tech”. Con estas premisas, o experto tentará indicar como se pode chegar a unha arquitectura sustentable.

Ademais e segundo o seu criterio, o patrimonio vernáculo representa unha importante fonte para definir os principios dun deseño sustentable e unha arquitectura contemporánea. “A arquitectura vernácula e os seus métodos e estratexias están infravaloradas, mais posúen un enorme potencial para ser aplicada hoxe en día” –apunta Fernández Palicio–.

Alejandro Fernández é arquitecto pola Universidade da Coruña, co-coordinador dos proxectos Montenoso e IDEA As Pontes e colaborador no Ecoistituto delleTecnologie Apropriate en Cesena (Italia), e na Cidade dos Barrios, entre outros. Traballou en restauración en Nápoles (Italia), construción en madeira en Tampere (Finlandia) e na oficina técnica da Universidade de Vigo. Actualmente realiza o Diploma de Estudos Avanzados en Construción con Terra (DSAterre) no centro de investigación colaborador da cátedra UNESCO, CRAterre (Grenoble, Francia).

COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA NA SÚA DELEGACIÓN DE VIGO

TEMA.- Charla e coloquio sobre o cambio climático

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos organiza, con motivo do Día Mundial da Arquitectura, unha chala coloquio sobre o cambio climática na súa sede (rúa Doutor Cadaval, 5). O obxectivo da actividade é a promoción de accións, prácticas e solucións que ilustren o enorme potencial da arquitectura e o urbanismo fronte ao cambio climático global, un dos grandes desafíos do noso tempo.

A xornada celebrarase o luns, día 5, ás 19:30 horas na delegación viguesa. A primeira conferencia correrá a cargo do representante español do grupo intergubernamental do cambio climático Intergovernmental Panel on Clima te Change, Xavier Labandeira Villot, que tentará dar resposta a como enfrontar o problema do cambio climático, explicar a súa xeración e os impactos que pode ocasionar, ademais das posibles solucións que se poden adoptar e as alternativas non técnicas da arquitectura.

O arquitecto, experto na aplicación da Directiva Europea sobre edificios de consumo case nulo, Xosé Carlos Rodríguez Otero, falará sobre os edificios de consumo case nulo (NZEB), a Directiva 2010/31/UE do 19 de maio de 2010 relativa a eficiencia enerxética dos edificios, tamén tratará de explicar a diversidade de estándares de NZEB, a certificación Passivhaus e comentará o Protocolo EnerPHit de rehabilitación enerxética.