Inicio

O Colexio de Arquitectos de Galicia e a EGAP inauguran o curso superior de técnico en urbanismo destacando a importancia do territorio

Os alumnos traballarán nas disciplinas da ordenación e xestión do solo e en aspectos xurídico-legais relacionados co urbanismo

O Colexio de Arquitectos de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) inauguraron hoxe unha nova edición do Curso Superior de Técnico de Urbanismo, que se celebrará entre os meses de outubro e xuño. O acto inaugural, que se celebrou no salón de actos da EGAP, contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Mª Vázquez, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o decano do Colexio, Antonio Maroño, a directora académica do curso, Elvira Carregado, e a directora da institución pública, Sonia Rodríguez-Campos.

Antonio Maroño agradeceu o apoio e a presenza da conselleira na apertura do curso e por suposto a colaboración da EGAP na súa organización. O decano dos arquitectos sinalou tamén que o curso aportará aos alumnos unha base máis sólida sobre cuestións urbanísticas e de ordenación do territorio e servirá para actualizar coñecementos en materia xurídico-legal, “un apartado relevante ao que hai que atender por posibles cambios lexislativos”.

A acción formativa está dirixida a arquitectos profesionais no exercicio do ámbito urbanístico e persoal das diferentes administracións públicas que estén en posesión do título de licenciado, arquitecto, arquitecto técnico ou enxeñeiro. O curso estará impartido por profesionais de prestixio, saídos da Administración Pública, profesionais liberais ou docentes de urbanismo.

O obxecto do curso é que os alumnos adquiran coñecementos teóricos e prácticos en materia de ordenación do territorio e do urbanismo e aprendan a responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para iso, os asistentes combinarán o estudo pormenorizado da normativa actual galega con formación práctica.  O curso aportará especialización e o título de técnico superior en urbanismo, aspecto que pode abrir portas aos arquitectos na mellora das suas condicións de traballo. O programa consta de tres módulos temáticos que abarcan diferentes disciplinas do dereito urbanístico desde unha perspectiva xeral, e que se completan cun cuarto módulo de obradoiros, transversal á parte teórica, no que redactarán un documento de planeamento.

Cunha duración total de 288 horas, as sesións desenvolveranse no edificio da EGAP –rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela– entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de xuño de 2016. As clases impartiranse, previsiblemente, os xoves de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 ás 20:00 horas.