Inicio

O Colexio de Arquitectos e a EGAP inauguran mañá o curso superior de técnico en urbanismo

Os alumnos adquirirán as capacidades necesarias para traballar nas disciplinas da ordenación do solo e responsabilizarse dos procesos de xestión do territorio

O acto celebrarase ás 17:00 horas no auditorio da EGAP

O Colexio de Arquitectos de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) inaugurarán o próximo xoves, día 1, unha nova edición do Curso Superior de Técnico de Urbanismo, que se celebrará entre os meses de outubro e xuño. O acto terá lugar ás 17:00 horas no auditorio da EGAP e contará coa asistencia da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Mª Vázquez, a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, o decano do Colexio, Antonio Maroño, e a directora da institución pública, Sonia Rodríguez-Campos.

A acción formativa vai dirixida a arquitectos profesionais no exercicio do ámbito urbanístico e persoal das diferentes administracións públicas que estén en posesión do título de licenciado, arquitecto, arquitecto técnico ou enxeñeiro. Coa inscrición pechada e as prazas dispoñibles cubertas, o alumnado iniciará as clases mañá as 9:30 horas. O curso estará impartido por profesionais dos máis destacados de España, saídos da Administración Pública, profesionais liberais ou docentes de urbanismo.

O obxecto do curso é que os alumnos adquiran coñecementos teóricos e prácticos en materia de ordenación do territorio e do urbanismo e aprendan a responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para iso, os asistentes combinarán o estudo pormenorizado da normativa actual galega con formación práctica.  O curso aportará especialización e o título de técnico superior en urbanismo, aspecto que pode abrir portas aos arquitectos na mellora das suas condicións de traballo.

O programa consta de tres módulos temáticos que abarcan diferentes disciplinas do dereito urbanístico desde unha perspectiva xeral, e que se completan cun cuarto módulo de obradoiros, transversal á parte teórica, no que redactará un documento de planeamento. Impartirase materia sobre a escala territorial para que os participantes poidan actualizar coñecementos para promover e xestionar o desenvolvemento sustentable de cidades e territorios desde unha visión multidisciplinar e integrada.

O segundo módulo abarca o planeamento urbanístico a través do estudo pormenorizado  e a compresión dos documentos e contidos que manifestan as diversas figuras dun plan que se mostran co desenvolvemento urbanístico municipal. “Os alumnos profundarán en como redactar e tramitar  o planeamento –destaca a organización–. En canto ao apartado de execución urbanística, tratará da análise dos instrumentos materiais e xurídicos necesarios que permitan levar a execución as  determinacións das leis e dos plan.

Como novidade respecto a edicións anteriores, a formación adquirida durante este curso poderá completarse con dous módulos de especialización, dirixidos aos alumnos que xa realizaran o curso superior, esta edición o calquera das anteriores, sobre dereito comparado internacional e de rexeneración de cidades e barrios consolidados.

Cunha duración total de 288 horas, as sesións desenvolveranse no edificio da EGAP –rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela– entre o 1 de outubro de 2015 e o 30 de xuño de 2016. As clases impartiranse, previsiblemente, os xoves de 10:00 a 14:30 horas e de 16:00 ás 20:00 horas.