Inicio

Os premios Gran de Area premian sete obras de Vigo, Pontevedra, Tomiño, Meis e A Guarda

Na súa décimo terceira edición, as delegacións de Vigo e Pontevedra do Colexio de Arquitectos recoñecen a “calidade” das obras e proxectos e o “esforzo” dos participantes

Presentáronse cincuenta candidaturas que dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten o “compromiso dos autores coa arquitectura responsable”

As Delegacións de Vigo e Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron hoxe os galardóns da décimo terceira edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2015. Estes galardóns supoñen un recoñecemento a arquitectos, promotores, construtores e aparelladores da provincia de Pontevedra polo seu labor en equipo e traballo conxunto destinado a obter unha obra arquitectónica de calidade. Este certame ten por obxecto destacar o valor da obra arquitectónica como unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor do contorna”.

Este ano presentáronse cincuenta propostas de diversas escalas e localizacións que se converten en oportunas reivindicacións da profesión e a arquitectura da provincia, axudando a mellorar o contorno e a modo de vehículo de comunicación para transmitir a cultura arquitectónica á sociedade. “As candidaturas dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten un compromiso dos autores e demais axentes involucrados no proceso construtivo coa arquitectura responsable. Amosan que a arquitectura é posible e cercana” –manifestou a organización–.

O xurado valorou a totalidade das obras e proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Vigo e Pontevedra do Colexio de Arquitectos, Antonio Davila e Manuel Abelleira, un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, José Luís Sáez por Vigo e Diego Germade por Pontevedra, a arquitecta María Pierres premiada na edición anterior, e a secretaria da delegación viguesa María Mariño. Foron premiadas sete obras ou proxectos do ámbito da demarcación provincial. O xurado salientou a “calidade” dos proxectos e obras presentadas e recoñeceu o “esforzo” dos participantes.

A organización celebrará proximamente un acto de entrega de diplomas en Vigo cos arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras e proxectos distinguidos. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro.

Obras e proxectos premiados

1.- Rehabilitación “Ferrería 4”. Vigo
Arquitectos: Carolina Domínguez Gómez e Rosa del Río Pastoriza, coa colaboración de Laura Crespo Álvarez

2.- Casa “La Noria”. A Guarda
Arquitecto: Mauro Lomba Martínez

3.- Rehabilitación de inmobles na rúa San Sebastián 4-6, subida ao Castelo 5-7. Vigo
Arquitectos: Javier Franco Rabuñal e Vicente Pintos Santiago

4.- Vivenda “Escama y Pilar”. Glorieta de Compostela. Pontevedra
Arquitectos: María García Amandi Joglar e Jorge de Uña Santos

5.- Xoiería “González 1968”. Vigo
Arquitecto: Pablo Menéndez Paz

6.- Intervención urbana na “Praza do Seixo”. Tomiño
Arquitectos: Perfecto Cendón Domínguez e Javier Vázquez Fernández

7.- Taller artesanal en Armenteira. Meis
Arquitectos: Jaime Rodríguez Abelleira e Santiago Pintos Pena