Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago incrementa nun 54% as accións formativas e nun 12% o alumnado de 2009 en relación ao ano anterior

Os cursos e actividades de formación da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela durante o ano 2009 incrementaron os seus resultados con respecto ao ano anterior, cun 54% máis de accións formativas e un aumento do 12% no número de alumnos. O cómputo a finais de 2009 establece que a Cámara compostelá organizou un total de 137 cursos, aos que asistiron 2.313 alumnos, entre os que figuran empresarios, traballadores asalariados e persoas que se incorporan ao mundo laboral.

Informática e novas tecnoloxías, comercio e distribución, comercio internacional, recursos humanos, idiomas, contabilidade e calidade e innovación son as áreas de formación que prima a entidade cameral. Ademais dos cursos propios, leváronse a cabo outras actividades formativas como xornadas ou seminarios, realizados en colaboración con outros organismos e institucións, que versaron sobre o software libre contra á crise, eficiencia enerxética na edificación, novas liñas de axuda do Igape e Caixanova –A túa empresa precisa un impulso?, entre outros.

Accións previstas para o primeiro semestre de 2010

Para o primeiro semestre do próximo ano, a Cámara de Comercio propón un total de 56 accións formativas relacionadas cos seguintes bloques temáticos:

  • Informática e novas tecnoloxías
  • Comercio e distribución
  • Comercio internacional
  • Contabilidade e fiscalidade
  • Persoal e recursos humanos
  • Idiomas
  • Outras xornadas (na Antena Local de Boiro, de teleformación

A Cámara de Comercio de Santiago tamén quere seguir apostando pola teleformación, polo que dará varios cursos a distancia de inglés corporativo, desenvolvemento de habilidades directivas, alfabetización dixital e novas tecnoloxías e xestión, imaxe e produtividade empresarial. Estes cursos, dirixidos a empresarios e traballadores, son gratuítos e impártense a distancia con apoio titorial para que o alumno poida continuar co seu ritmo de vida, establecendo os seus propios horarios e evitando desprazamentos. Ademais, a Cámara facilítalles todo o material necesario, como unha guía do alumno, contactos web co titor e un CD-Rom co material teórico e exercicios prácticos.