Inicio

A Academia Galega de Belas Artes e a Xunta de Galicia únense na defensa do patrimonio moderno galego

Trece edificios das catro provincias, incluídos no  Plan Nacional de Conservación del Patrimonio Cultural del Siglo XX, reciben catalogación e protección autonómica

        Celestino García Braña, vicepresidente da Academia:

“O verdadeiro logro alcanzarase cando o recoñecemento chegue á totalidade dos bos edificios ligados á nosa modernidade”

A Academia Galega de Belas Artes celebrou hoxe un acto para presentar a “Selección de trece edificios galegos vinculados ao Movemento Moderno en Galicia para a súa consideración patrimonial”, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e o vicepresidente da Academia e presidente da Fundación DoCoMoMo Ibérico (Documentación e Conservación da Arquitectura e o Urbanismo do Movemento Moderno), o arquitecto Celestino García Braña.

A Academia Galega de Belas Artes solicitou recentemente á Consellería de Cultura, como responsable último da xestión patrimonial galega, a consideración de trece edificios do Movemento Moderno galego e a súa catalogación e protección por parte da Xunta de Galicia, xa incluídos no Plan Nacional de Conservación del Patrimonio Cultural del siglo XX do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. O obxecto é alcanzar o seu recoñecemento como parte da cultura do século XX e perseguir a súa protección patrimonial e conservación. O plan nacional recolle os 256 edificios máis significativos da arquitectura española, dos que trece están en Galicia.

As trece obras, que compoñen a selección, están situadas nas catro provincias galegas e representan arquitecturas diversas como barrios, conventos, colexios, fábricas, igrexas, lonxas, edificios residenciais e de universidades e mesmo un encoro. Pero en Galicia hai aproximadamente douscentos edificios do movemento moderno, dos que aproximadamente a metade teñen excelente calidade arquitectónica.

A arquitectura do Movemento Moderno está composta por obras creadas entre 1925 e 1965 e caracterizadas por unha tendencia construtiva marcada pola diversidade de espazos, formas compositivas e estéticas e o seu especial uso de materias industriais como o formigón armado, o aceiro laminado ou o vidrio. “A arquitectura moderna é un ben cultural non suficientemente valorado e que corre riscos serios na súa axeitada conservación” –sinalou García Braña na súa intervención–.

O vicepresidente da Academia suliñou que o patrimonio cultural é “unha creación que xorde de modo voluntario e consciente” a partir dunha mirada cara o pasado a obxectos, tradicións, expresións artísticas…, mesmo edificios que merecen “ser descartados do fondo anónimo do non existir” e ser transmitidos a futuras xeracións. “Mirando de modo creador cara o pasado rescatamos igrexas e algunha catedral, testigos mudos de rezos, que deben permanecer; palacios e edificios públicos nos que recoñecemos a autoridade e os misterios do poder pero que, renovados nas súas funcionalidades, desexamos que sigan singularizando rúas e prazas; e non esquecemos os espazos públicos e xardíns que poden animarse incorporando novas posiblidades de uso” –manifestou o arquitecto–.

Pero é habitual que existan desconfianzas coa modernidade, aínda que a situación comeza a mudar ao comezar a quedarse escaso o que se coñece como patrimonio. Celestino García Braña explicou que hai “artefactos do pasado” que perderon a súa funcionalidade inmediata e pugnan agora por entrar no ámbito do patrominial reconvertidos en “protagonistas de cultura” e estendéndose nunha triple dirección: a tipoloxía, correspondente a artefactos do mundo industrial, a cronoloxía, cando o que se quere conservar é o máis preto ao presente, e a xeografía, porque ademais que na cidade no ámbito rural tamén hai valor cultural.

Celestino García Braña agradeceu á Consellería de Cultura a súa disposición a colaborar na protección do patrimonio do movemento moderno. Destacou tamén que ambas institucións necesítanse “mutuamente” para asentar a creación do patrimonio máis alá de meras declaracións. “Estes trece edificios non son os únicos a protexer. O verdadeiro logro alcanzarase cando o recoñecemento chegue á totalidade dos bos edificios ligados á nosa modernidade” –apuntou–. Outro motivo para a colaboración continua coa Administración é, segundo dixo García Braña, a busca dun “coñecemento documentado e sólido” da arquitectura de calidade construída no segundo tercio do século pasado.