Inicio

O Museo Casa da Troia duplica as visitas este verán e chega a 2.200 persoas

Pechará a temporada o vindeiro sábado cunha xornada de portas abertas a modo de agradecemento

O Museo Casa da Troia clausura este sábado, día 3 de outubro, a temporada estival cunha xornada de portas abertas. O público poderá visitalo de maneira gratuíta de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, a modo de agradecemento ao público.

Durante os meses de verán o Museo Casa da Troia recibiu arredor de 2.200 visitantes, o que supón case duplicar a cantidade do mesmo período do ano pasado. “É certo que abrimos algúns días máis, pero consolidamos horarios atractivos como os venres ata as dez da noite e, claro está, beneficiámonos do crecemento turístico”, explica Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o museo. O 76 por cento dos visitantes son de nacionalidade española, mentres que o resto procedían de Italia, Francia, Gran Bretaña, Estados Unidos e México.
 
 “Facemos un esforzo grande -engade Amor- para poder soster o museo en boas condicións, con visitas guiadas e boa atención ao público. Pero os resultados aí están, crecendo; se ben sempre mantemos cifras moi aceptables de visitas. A día de hoxe a antiga pensión de estudantes é un recurso, tipicamente compostelán e galego, plenamente consolidado en Semana Santa e no verán na cidade”.

Amor destaca que parte importante do éxito do museo é a amabilidade e o bo traballo que realizan cada día as guías. “Carmen Lorenzo e Rebeca Rúa, como no seu día Sandra Fuentes, son parte esencial da Casa, cuxa historia explican e teatralizan con entusiasmo e habilidade”. Tamén agradece ás institucións -Xunta de Galicia, Concello de Santiago e Universidade de Santiago- o seu apoio constante, “xa que sen as súas aportacións sería imposible abrilo ao público”, conclúe.

O libro de sinaturas do museo amosa comentarios que abanean entre os parabéns e a nostalxia, sempre cheos de agarimo, como por exemplo: “Incrible estar neste lugar e camiñar polos mesmos lugares onde viviron estudantes hai máis de cen anos”, “magnífico patrimonio” ou a “xoia de Santiago”, resaltando a miúdo a amabilidade coa que foron atendidos. Entre as visitas institucionais e colectivas deste verán, sobresaen Antigos Alumnos da USC, Real Sociedad de Amigos del País de Santiago, alumnos da academia Iria Flavia, dos Cursos Internacionais da USC e do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol, así como a Asociación Cultural San Martiño Pinario.

Antes da súa repertura na vindeira Semana Santa, a intención é acometer obras de tratamento de humidades e pintado das paredes coa axuda do Consorcio.