Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago e a Asociación de Cámaras dos Camiños renovan os convenios con Novacaixagalicia para impulsar accións empresariais e xacobeas

NOVAFomentarase a internacionalización, proxectos ambientais, o emprendemento e a formación

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e Novacaixagalicia asinaron esta mañá na sede cameral dous convenios de colaboración, un acordo destinado a impulsar os sectores produtivos da comarca compostelá e outro, a fomentar as actividades da Asociación de Cámaras dos Camiños Xacobeos, que preside a Cámara de Compostela. No acto estiveron presentes Jesús Asorey, titular da Cámara de Comercio; Filomena Casal, secretaria xeral da entidade cameral; e por parte de Novacaixagalicia asistiu o director territorial de Santiago, Juan José Carneiro; e outro representante da entidade crediticia, José Mª Pérez Bazús.
 

En virtude do convenio coa Cámara de Santiago, Novacaixagalicia aportará fondos da súa Obra Benéfico Social para o apoio de actividades e proxectos promovidos pola Cámara de Comercio de Santiago durante 2011. Daráselle prioridade a “impulsar a capacidade internacionalizadora das empresas,  así como á implantación de normas de acreditación internacional”. Por outro lado, buscarase o fomento de proxectos de carácter ambiental nas empresas, o desenvolvemento e titorización de iniciativas emprendedoras no viveiro empresarial. Ademais, promoveranse actividades de carácter formativo e divulgativo que incidan de xeito directo na competitividade das empresas, en colaboración coa Escola de Negocios Caixanova.

En canto ao convenio coa Asociación de Cámaras dos Camiños de Santiago, Novacaixagalicia aportará fondos para “axudar especificamente ao desenvolvemento e xestión de actuacións de apoio aos proxectos empresariais”, así como para a posta en marcha de estudos, conferencias, seminarios, congresos, exposicións e programas formativos.

Promoción do Camiño de Santiago

Segundo Asorey, estas axudas á Cámara de Comercio de Santiago están pensadas para o financiamento de programas de emprendemento e formación, en concreto para os puntos nos que hai máis deficiencias.

Ademais, Asorey indicou que o convenio coa Asociación está destinado a impulsar os Camiños de Santiago, reforzar as bolsas, premios de investigación sobre as rutas de peregrinación e as exposicións xacobeas. “Estamos xestionando unha actuación de promoción do Camiño de Santiago a través de personaxes de prestixio internacional que visitarán Galicia para despois transmitir as súas experiencias a outros países” –indicou Asorey.

Pola súa parte, Juan José Carneiro destacou o traballo que Novacaixagalicia realiza apoiando ao sector económico da área de Compostela en tres pilares fundamentais como son a formación, a internacionalización de empresas e o asesoramento global a emprendedores.