Inicio

A Cámara de Santiago inicia hoxe unha misión multisectorial a Cuba na que participan 22 empresas

A axenda inclúe reunións coas empresas públicas cubanas e a Oficina Comercial de España na Habana
 
A Cámara de Comercio de Santiago inicia hoxe unha misión comercial a Cuba na que participan vinte e dúas empresas galegas. A acción de internacionalización está organizada en colaboración do Igape e conta co apoio da Unión Europea a través de fondos Feder.

As empresas que forman parte da misión, de carácter multisectorial, entrevistaranse cos empresas públicas cubanas e os distintos departamentos ministeriais para a presentación dos seus produtos e servizos. Ademais, manterán reunións coa Oficina Comercial de España na Habana e a Asociación de Empresarios Españoles en Cuba, coa que a Cámara compostelá ten asinado un acordo de colaboración para este tipo de accións, co que terán unha visión completa do mercado cubano e as súas posibilidades reais. A misión comercial estenderase ata o venres, día 23.

Cuba é un dos principais clientes da exportación española en latinoamérica e está a desenvolver unha estratexia para implementar desenvolvementos tecnolóxicos que lle permitan facer máis eficientes as súas coñecidas potencialidades en produtos mineiros, agrícolas, alimentarios, enerxéticos, e materias primas. Neste punto, Galicia preséntase con pemes moi flexibles, capaces de ofertar produtos e solucións a medida e coa capacidade dun alto entendemento das necesidades cubanas, polo que poden optar a un alto nivel de penetración en todo o tecido empresarial da illa.

A exportación española a Cuba está moi diversificada e cobre unha ampla gama de produtos e sectores: máquinas, motores, materias plásticas, repostos de automóbil, alimentación, materiais de construción ou enerxías renovables.