Inicio

Os emprendedores galegos copan o concurso Aprendeafinanciarte.com con 49 proxectos

Amplíase o prazo para presentar propostas ata o día 21

A final do certame, no que participan Galicia, Extremadura, Castela-A Mancha, Aragón, Murcia e Canarias,  celebrarase en Madrid o 25 de novembro no Foro Nacional Aprende a Financiarte

A Cámara de Comercio de Santiago anuncia a ampliación do prazo de inscrición do II Concurso de Emprendedores Aprendeafinanciarte.com ata o próximo día 21 de outubro. O concurso, convocado nas comunidades autónomas de Galicia, Extremadura, Castela-A Mancha, Aragón, Murcia e Canarias, enmárcase dentro do programa Aprendeafinanciarte.com, unha iniciativa da Cámara de España para axudar a pemes, autónomos e emprendedores a atopar o financiamento que necesitan para iniciar ou continuar a súa actividade empresarial. O programa está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Ser emprendedor, autónomo ou peme de rec ente creación, contar cunha idea de negocio innovadora e viable, residir nalgunha das seis comunidades autónomas mencionadas e darse de alta na plataforma Aprendeafinanciarte.com, son os únicos requisitos que se esxen para participar no certame.

Os interesados deben presentar o seu proxecto nun vídeo de dous minutos máximo de duración.  Na páxina web www.aprendeafinanciarte.com hai un espazo habilitado para subir as gravacións. Todas as persoas dadas de alta na plataforma poderán votar ata tres proxectos por comunidade. Os dez máis votados de cada territorio pasarán á segunda fase do concurso.

Desde que se convocou a segunda edición do concurso, presentáronse xa máis dun cento de vídeos. As cámaras de comercio galegas son, ata o momento, as que máis proxectos recibiron sumando actualmente 49 vídeos promocionais.

Os semifinalistas realizarán unha presentación da súa idea emprendedora ante unha mesa de inversores que se celebrará en cada unha das comunidades autónomas participantes. O xurado, seleccionado polas cámaras de comercio, elixirá  os  dous proxectos finalistas. A final celebrarase en Madrid o 25 de novembro durante o Foro Nacional Aprende a Financiarte. Os finalistas deberán explicar o seu proxecto emprendedor. Ese día coñecerase ao ganador do concurso, que recibirá un premio de 3.000 euros.