Inicio

A Cámara de Santiago revela as principais atraccións económicas de Galicia á delegación xaponesa de Tanabe

Reuníronse hoxe co presidente da Cámara, Jesús Asorey, para establecer contactos con empresas locais

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela reuniuse hoxe cunha delegación de representantes institucionais e do comercio da cidade xaponesa de Tanabe.  O presidente da Cámara, Jesús Asorey, acompañado polo secretario xeral, Fernando Barros, e o técnico de Promoción Internacional, Fernando Pérez-Soba, recibiron ao alcalde da cidade, Mitsutoshi Manago, ao concelleiro de Turismo, Masanori Ogawa, ao técnico responsable de Turismo, Takashi Akashima, ao director de desenvolvemento e promoción turística internacional da Oficina de Turismo de Tanabe e do Camiño Kumano, Brad Towle, ao presidente da Cámara de Comercio e Industria de Tanabe, Ichiro Tachibana, aos vicepresidente da entidade, Takashi Shibata e Koichi Hamaguchi, e ao seu conselleiro Osamu Okihara.

Os representantes nipós coñeceron as posibilidades comerciais de Santiago e a súa comarca co obxecto nun futuro próximo de estreitar lazos mercatís entre ambos territorios. Ademais, o alcalde e o presidente da Cámara de Comercio de Tanabe asinaron no libro de honra da Cámara de Comercio de Santiago.

Para poñelos en antecedentes, Pérez-Soba ofreceu uns datos básicos sobre a xeografía, infraestruturas e economía de Galicia. Destacou nun primeiro punto a forza do sector agroalimentario, coa silvicultura, o sector gandeiro e a súa produción de leite, e o sector vitivinícola á cabeza con cinco denominacións de orixe e importantes cifras de vendas no mercado nacional e nas exportacións mundiais.

A continuación, o técnico describiu un dos principais axentes da economía galega, a pesca e os seus derivados, como son a industria do peixe conxelado e a industria conserveira que suman para alcanzar un tecido industrial moi dinámico na comunidade, onde a flota pesqueira representa máis dun 40% da capacidad total da de España e constitúe unha das rexións pesqueiras máis importantes de Europa. En canto á acuicultura, Pérez-Soba destacou as condicións naturais “excelentes” de Galicia para xerar unha industria experimentada, que se converteu nun referente internacional para especies como o mexilón ou o rodaballo.

En canto ao sector puramente industrial, Pérez-Soba indicou que sobresae a pedra natural, como o granito, a madeira, o sector agroalimentario, o automóbil e a industria téxtil, que grazas a innovación tecnolóxica conseguiu ser un referente en todo o mundo. E sobre turismo, o técnico explicou que se trata dun sector que crece cada ano na súa versión cultural, co Camiño de Santiago e a cidade de Compostela ao fronte, e en turismo rural.