Inicio

A Cámara de Santiago e a CEC asinan un acordo para xerar sinerxías, aproveitar economías de escala e evitar duplicidades a favor do seu tecido empresarial

Jesús Asorey, presidente da Cámara:

“A cooperación en formación, comercio exterior e emprendemento fortalecerá a nosa acción e elevará os resultados”

Antonio Fontenla, presidente da CEC:

“Será beneficioso para as empresas e a economía do noso contorno en termos de crecemento, emprego e benestar social”

O presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey, e o presidente da Confederación de Empresarios de La Coruña, Antonio Fontenla, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración que persegue xerar sinerxías, aproveitar economías de escala e evitar duplicidades a favor dos intereses económicos e empresariais dos seus respectivos ámbitos de actuación. As dúas entidades teñen a vontade de estreitar as súas relacións, unir esforzos e establecer normas amplas de actuación que canalicen e incrementen os contactos e a colaboración nos campos de interese común.

Os presidentes da Cámara de Santiago e da CEC aseguraron que o desenvolvemento deste acordo, baseado na unidade de acción ou a coordinación, a colaboración e a cooperación entre as dúas institucións, traducirase nunha actuación máis “eficiente” para as entidades e nunha maior “eficacia” para o sector empresarial ao que representan. Para alcanzar este obxectivo, xeraranse procedementos bidireccionais de información mutua e programaranse e coordinarán actividades e servizos similares nas dúas partes.

Jesús Asorey destacou que o acordo pretende “unir forzas para ser máis produtivos en áreas comúns de intervención” en beneficio dun mellor servizo empresarial e social. “A cooperación en formación, comercio exterior e emprendemento fortalecerá a nosa acción e elevará os resultados que xa viñamos obtendo” –explicou–. O presidente cameral incidiu en que facer alianzas e colaborar con outras institucións son aspectos que forman na actualidade “un eixo de progreso e competitividade” necesario para poder cumprir con éxito as funcións encomendadas en aras de servir mellor a empresas e empresarios.

Antonio Fontenla asegurou que o protocolo será, non só beneficioso para as empresas, senón para “a economía do noso contorno en termos de crecemento, emprego e benestar social”. Engadiu que tamén coa complementariedade de servizos e a optimización de custos que outorga o acordo preténdese lograr unha “maior eficacia na defensa dos intereses empresariais”.
Pola súa parte, Javier Aguilera louvou este acordo de colaboración, moi en liña co traballo que desenvolve a Xunta de Galicia con directrices específicas para alcanzar unha industria 4.0 nun mundo cada vez máis globalizado. “Temos que ser máis innovadores, buscar servizos e produtos novos e actualizar as formas de financiamento. Hai que xerar confianza desde as Administracións Públicas e as empresas deben esforzarse para conseguir maior rendibilidade”. E concluíu que cara 2016 seguirase a senda do crecemento apoiando a emprendedores, pemes e micropemes.

Froito deste acordo, as dúas institucións establecerán o máximo grao de coordinación para evitar duplicidades en canto ás actividades e servizos comúns que ofrecen ás empresas. No protocolo rubricado hoxe, no Hostal dos Reis Católicos, detállase a repartición de servizos. Por exemplo, a información e asesoramento realizarase de forma coordinada entre a Cámara e a CEC; o servizo de bases de datos públicas de empresas así como o de internacionalización correrán a cargo da Cámara, que contará coa colaboración da CEC; os servizos de diagnósticos empresariais e os servizos a emprendedores realizaranos coordinadamente ambos os organismos; a concertación social, a prevención de riscos laborais e a responsabilidade social empresarial desenvolveraa a CEC coa colaboración da Cámara de Comercio. E de forma coordinada, tanto a CEC como a Cámara desenvolverán actos, xornadas e conferencias e analizarán diversos proxectos empresariais comúns e proxectos europeos.

Por outra banda, en canto ás actividades e servizos nucleares de cada institución, a Cámara como corporación de dereito público e de defensa dos intereses xerais, e a Confederación de Empresarios na súa calidade de organización máis representativa no ámbito da provincia da Coruña, cada entidade desenvolverá o seu labor propio, aínda que poderá solicitar a colaboración institucional ou o apoio organizativo da outra.

Cooperación institucional en defensa dos intereses empresariais do seu territorio

Posto que ambas as institucións están lexitimadas para acometer a defensa dos intereses empresariais no seu territorio e, moi especialmente como voz autorizada de reivindicación en prol destes intereses ante as Administracións Públicas, os órganos lexislativos e a sociedade, a partir de agora os posicionamentos, reivindicacións e opinións beneficiosas para a empresa sobre infraestruturas básicas, normativas, educación e formación realizaranse de forma conxunta buscando unha maior profundidade e reflexión.

Avaliación do traballo conxunto

Ademais, co fin de que este protocolo non sexa unha mera declaración de intencións, crearanse dous órganos para realizar un seguimento e control da colaboración entre os dous organismos. Serán unha Comisión Técnica, formada por dous membros do persoal técnico que designa cada institución, e unha Comisión de Control, formada polos presidentes da Cámara e a CEC, un membro de cada órgano executivo, asistidos polas respectivas secretarías xerais.