Inicio

A Cámara de Santiago será sede do máster de xestión de empresas posto en marcha por Galicia Business School

É un posgrao pioneiro en Galicia pola súa formación dual

Impartirase entre xaneiro e outubro de 2016 para titulados recentes ou con menos de cinco anos de experiencia profesional

O presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, Jesús Asorey Carril, e o director de Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga, asinaron hoxe un convenio de colaboración para poñer en marcha nas instalacións camerais o Máster Profesional en Xestión de Empresas (MAGE), o primeiro máster dual en xestión de empresas que se realiza en Galicia e pioneiro por incorporar a modalidade dual no posgrao formativo.

Jesús Asorey destacou o valor deste máster de carácter profesional, provisto de “prácticas remuneradas” e que dá opcións aos alumnos de lograr un emprego ao final da formación. E García Erquiaga manifestou que o máster axudará a combater o paro xuvenil e dos titulados universitarios, situado por por riba da media europea.  “Facilita que desde o minuto un os máis novos poidan traballar nunha empresa de referencia no seu sector en Galicia, á vez que complementan a súa formación con clases teóricas”, indicou.

O máster está dirixido a mozos e mozas titulados co obxecto de contribuír a súa integración nas empresas e de mellorar as súas competencias para un axeitado exercicio da súa actividade profesinal, facilitando a súa insección no mundo laboral e axudando a mellorar a competitividade das empresas galegas. Está destinado a recentes titulados universitarios e de ciclos superiores de formación profesional e titulados con experiencia profesional de ata cinco anos.

O programa en modalidade dual busca que os alumnos poidan compaxinar as súas prácticas remuneradas en empresa, onde traballarán de febreiro a xullo media xornada de luns a xoves, coa formación que recibirán nas instalacións da Cámara de Santiago entre os meses de xaneiro e outubro, todas as tardes dos venres e os sábados pola mañá.

Ao longo de dez meses impartiranse contidos de liderazgo e capacitación profesional, contorno empresarial, xestión e desenvolvemento do negocio, administración e finanzas, tecnoloxía e negocios dixitais, xestión e dirección de persoas e simulación empresarial, ademais de elaborar un business plan, realizar as prácticas e entregar un proxecto fin de máster. O programa aplicarase a través dunha metodoloxía dinámica onde os alumnos traballarán con casos prácticos, business games, desenvolverán dinámicas de role playing e proxectos en equipo.

Xestión das prácticas e financiamento para créditos docentes

Para darlle forma ao programa, Galicia Business School colaborou estreitamente coa Cámara de Santiago e un grupo de empresas referentes en Galicia, traballando en equipo e unindo a experiencia docente e laboral da escola e a empresa.

As prácticas remuneradas que se inclúen no máster serán xestionadas por FEUGA. Ademais, os alumnos poderán financiar comodamente a formación mediante os créditos Estudio-Máster de Banco SabadellGallego, aspecto que facilitará que moitos mozos e mozas poidan cursar este máster.

Galicia Business School é unha iniciativa dirixida polo exdirector da Escuela de Negocios de Caixanova, Eduardo García Erquiaga, na que participan un cento de profesionais en activo de primeiro nivel. Trátase do primeiro programa que lanza a escola e faino en Santiago de Compostela como mellor ubicación para desenvolver un curso que acollerá a alumnos de toda Galicia. Máis adiante está previsto sacar outros másteres orientados a sectores clave para a economía galega e programas para directivos da comunidade.