Inicio

Trece empresas de Santiago e as Rías Baixas viaxan mañá á Feira de Turismo Relixioso de Italia da man da Cámara de Comercio

Cunha axenda de contactos de interese, os participantes confían en manter encontros profesionais para desestacionalizar e desenvolver un modelo turístico sostible

A feira desenvolverase entre os días 8 e 10 de outubro

A Cámara de Comercio de Santiago viaxará mañá á Feira Internacional de Turismo Relixioso de Italia, o TTG Incontri Rimini, acompañando a trece empresas de restauración e hospedaxe das áreas de Santiago e as Rías Baixas. O encontro empresarial, que se celebrará entre os días 8 e 10 de outubro, forma parte das accións complementarias do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), financiadas con Fondos Feder. Ademais, a Asociación de Hostelería de Compostela colaborou na difusión desta acción incentivando a asistencia entre os seus membros.

A feira da cidade italiana de Rimini distínguese porque se basea en encontros estritamente profesionais b2b que manteñen os empresarios interesados en comprar e vender. Para facilitar as actividades, a Cámara de Comercio contratou unha mesa de traballo para que as empresas asistentes poidan realizar as súas entrevistas. “Detectamos unha boa acollida e contactos de interese para as empresas galegas” –destacan técnicos da Cámara–.

Coa presenza na Feira de Turismo Relixioso de Italia, a Cámara de Comercio explica que os establecementos composteláns daranse a coñecer ao exterior, vendendo a cidade como destino turístico e facilitará a desestacionalización e o desenvolvemento dun modelo de turismo sostible. “Para Santiago e o resto de Galicia esta feira internacional é un reclamo ao ser Italia un dos principais emisores do turismo cultural e relixioso na nosa comunidade” –indican–.

A Cámara indica que o TTG Incontri Rimini é un punto fundamental de referencia para o mercado, que medra cada ano ofrecendo novas oportunidades e incrementando o número de visitantes. Nesta edición participarán máis de 50.000 profesionais do sector, entre axencias de viaxe, touroperadores, hoteis e maioristas. Asistirán con expositor 2.400 empresas representando a 130 países.