Inicio

O Instituto Cameral de Idiomas de Santiago abre o prazo para inscribirse nas clases de inglés, francés e alemán do novo curso

Comezarán a impartirse o vindeiro 19 de outubro nas aulas formativas da Cámara de Comercio de Santiago ata o mes de xuño

O Instituto Cameral de Idiomas de Santiago de Compostela (ICISC) abre o prazo para inscribirse nos cursos de inglés, francés e alemán para a tempada 2015-2016. As sesións impartiranse na sede cameral –rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo– ao longo de nove meses, desde o 19 outubro ata o 2 de xuño, en horario de luns e mércores ou de martes e xoves de 18:30 a 20:00 ou de 20:00 a 21:30 horas.

Ofrécense clases de iniciación avanzado (A2), grao primeiro (B1), grao segundo (B2) ou grao terceiro (C1) de inglés, e iniciación básico (A1) de alemán e francés. Estas ensinanzas están acreditadas polas principais entidades certificadoras, dentro do Marco Común Europeo de Referencias para as Linguas do Consello de Europa (MCER). As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.camaracompostela.com. O prazo estará aberto ata o comezo do curso.  

Aquelas persoas que se inscriban por primeira vez nos cursos e que non poidan acreditar mediante certificado válido o seu nivel de coñecemento do idioma (A1, A2, B1 ou B2) terán que realizar unha proba de nivel para poder coñecer coa maior precisión posible o curso no que deben matricularse, garantindo o seu correcto aprendizaxe e inmersión lingüística.

A Cámara de Comercio de Santiago abriu o ICISC en abril de 2014 para ofrecer unha formación lingüística de calidade, a grupos dun máximo de quince alumnos, con profesores cualificados e nativos e con ampla experiencia que empregan os mellores materiais didácticos e as técnicas de aprendizaxe máis efectivas. Para conseguir resultados óptimos, os docentes fan un seguimento individualizado do rendemento académico do alumno para garantir que poidan superar as probas e conseguir os certificados oficiais. O alumno deberá asistir ao 75 por cento do curso para obter a titulación.