Inicio

Cinco semanas de consultoría a medida axudarán aos emprendedores galegos a crear empresas culturais

A Cámara de Santiago organiza un programa de creación e consolidación empresarial no viveiro de empresas que se impartirá do 13 de outubro ao 13 de novembro

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela convoca unha nova edición do Programa de creación e consolidación de empresas de industrias culturais e creativas, que se inaugurará o próximo 13 de outubro e se impartirá de forma gratuíta no viveiro de empresas de Costa Vella ata o 13 de novembro. Esta acción formativa organízase en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (INCYDE) e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, e conta co financiamento do Fondo Social Europeo.

No programa, que se desenvolverá en 207 horas entre consultorías e sesións conxuntas, poderán participar un máximo de 25 proxectos. Está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos sectores como a arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño, e a emprendedores que conten cun proxecto cultural definido.

O programa será impartido por persoas con ampla experiencia profesional e docente, actuando a modo de consultores homologados pola Fundación Incyde como formadores. Para mellorar as competencias dos participantes, o programa ofrece formación xenérica impartida en sesións de asistencia conxunta e formación específica ou a medida ofrecida durante a consultoría semanal con cada alumno.

Segundo indican desde a Cámara, os emprendedores culturais deben coñecer as ferramentas de xestión empresarial adaptadas aos novos retos protagonizados pola cultura actual, tanto no sector produtivo privado das industrias culturais como nos diferentes campos nos que actúan as entidades non lucrativas, as asociacións de profesionais da cultura, as entidades de xestión de dereitos e as Administracións públicas. Así, fomentarase o uso de novas tecnoloxías, tanto en sectores artísticos tradicionais como nos novos espazos de ocio creativo: cine de animación, publicidade, comunicación, páxinas web ou videoxogos.

A metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, para o que os participantes elaborarán unha presentación do Business Plan dun proxecto empresarial. Trataranse contidos sobre administración da empresa cultural, markéting e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.