Inicio

A Cámara de Comercio ofrece mañá unha xornada gratuíta para mellorar o posicionamento das empresas en Internet

Fátima Carmena, experta en estratexias de comunicación:

“A maioría das pemes non saben sacarlle todo o rendemento ás súas páxinas webs”

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebra mañá mércores unha xornada de innovación, de carácter gratuíto, para mellorar a imaxe e o posicionamento das empresas en Internet. Celebrarase no salón de actos da entidade cameral entre as 11:00 horas e as 14:00 horas.

Esta acción formativa, na que participarán medio cento de asistentes, está enmarcada dentro do programa Feira do Coñecemento e terá un formato de formación e auditoría. Vai dirixida a pequenas e medianas empresas que poidan estar interesadas en coñecer as claves que melloren a súa estratexia e visibilidade na rede.

En primeiro lugar, representantes da Axencia Creativa de Marketing Online “Nasas” estudarán as estratexias de presenza e posicionamento web e o marketing online. E tras esta relatorio os asistentes poderán participar en encontros individuais onde se analizarán, caso a caso, os factores que as empresas necesitan mellorar en función do sector ao que pertencen e dos obxectivos que perseguen.

Fátima Carmena, directora de proxectos de “Nasas”, explicará as claves para que as empresas melloren a súa imaxe a través das súas páxinas webs, analizando o seu contido, deseño e empregabilidade. A experta destaca que a maioría das pemes non saben sacarlle todo o rendemento a Internet e que “existen moitos portais desordenados onde faltan a miúdo informacións básicas como os datos de contacto ou os servizos que ofrecen”. Así, esta xornada achegará “información moi práctica e personalizada, pensada para corrixir os erros máis comúns que cometen as empresas en Internet”, afirma Carmena.

Esta acción formativa está financiada polo Fondo Social Europeo e as Cámaras de Comercio.