Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago anuncia o II Concurso de Emprendedores Aprendeafinanciarte.com, que premiará con 3.000 euros o mellor proxecto innovador

Os participantes deberán publicar no portal web ata o vindeiro 11 de outubro un vídeo explicando a súa iniciativa de negocio

O nome do gañador coñecerase o 25 de novembro en Madrid
 
A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela anuncia o segundo Concurso de Emprendedores Aprendeafinanciarte.com, que vén de poñer en marcha a Cámara de Comercio de España. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo promover o espíritu emprendedor entre a sociedade e na que pode participar calquera persoa cunha idea de negocio innovadora aplicable ao mundo empresarial.

O concurso convócase en Galicia e noutras cinco comunidades autónomas –Extremadura, Castela-A Mancha, Aragón, Murcia e Canarias–. Os emprendedores deberán crear un vídeo explicativo do seu proxecto, rexistrarse na páxina web http://www.aprendeafinanciarte.com/ e colgalo neste portal para conseguir o máximo apoio e votos. A Cámara de Comercio porá a disposición dos interesados unha empresa de gravación de vídeo para que poidan realizar a súa peza audiovisual sen custo algún. O prazo para publicar o vídeo remata o vindeiro 11 de outubro e as votacións poderán realizarse ata o día 1 de novembro.

Os dez vídeos máis votados de cada territorio pasarán á segunda fase do concurso, que terá lugar entre o 10 e o 20 de novembro. Por último, na final que se celebrará en Madrid o 25 de novembro, durante o Foro Nacional Aprendeafinanciarte.com, os finalistas explicarán a súa idea emprendedora ante un xurado, que decidirá o gañador absoluto. O mellor proxecto será galardoado con 3.000 euros.

Este concurso enmárcase no programa “Aprende a financiarte”, unha plataforma dixital creada para facilitar o acceso ao crédito de pemes, autónomos e emprendedores, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Máis información do II Concurso de Emprendedores Aprendeafinanciarte.com en: http://www.aprendeafinanciarte.com/concurso