Inicio

A Cámara de Comercio e a Asociación de Hostelería Compostela asistirán en outubro á Feira de Turismo Relixioso de Italia

Destacan que é unha oportunidade para vender Santiago como destino turístico internacional, que favorecerá a desestacionalización e o desenvolvemento dun turismo sostible

As dúas entidades constituíron un grupo de traballo para a creación de proxectos en común e propostas de colaboración

A Cámara de Comercio de Santiago acolleu hoxe unha xuntanza con membros da Asociación de Hostelería Compostela onde informaron da asistencia á Feira de Turismo Relixioso de Italia, o TTG Incontri Rimini, que se celebrará entre os días 8 e 10 de outubro. Ao acto asistiron o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o secretario Xeral do ente cameral, Fernando Barros; o presidente da Asociación de Hostelería Compostela, José Antonio Rivero; e a secretaria da Asociación de Hospedaxe, Rita Sobrado.

Na reunión, os representantes das dúas entidades explicaron a súa intención de continuar coa súa estratexia de cooperación para fomentar o turismo, o emprendemento e dinamizar o tecido produtivo de Santiago e comarca. Coa presenza na Feira de Turismo Relixioso de Italia, apuntan, os establecementos composteláns daranse a coñecer ao exterior, vendendo a cidade como destino turístico e facilitará a desestacionalización e o desenvolvemento dun modelo de turismo sostible.

Esta xuntanza enmárcase dentro dunha estratexia para intensificar as relacións e a colaboración entre a Cámara de Comercio de Santiago e a Asociación de Hostelería Compostela, que veñen de constituír un grupo de traballo para facer seguemento dos novos proxectos e estudar propostas de colaboración conxunta.

As dúas entidades destacaron que o TTG Incontri Rimini é un punto fundamental de referencia para o mercado, que medra cada ano ofrecendo novas oportunidades e incrementando o número de visitantes. Ademais da Cámara de Comercio de Santiago e da Asociación Hostelería Compostela, ao TTG Incontri Rimini tamén asistirán outras dez empresas de restauración e hospedaxe da cidade. A súa participación enmárcase no Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), do IGAPE, e conta con Fondos FEDER.