Inicio

Unha vintena de empresas participaron esta mañá nunha xornada para analizar as oportunidades comerciais e de investimentos no Perú

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, inaugurou a sesión na sede cameral

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela acolleu esta mañá unha xornada sobre as oportunidades comerciais e de investimentos no Perú. A ela asistiron unha vintena de empresas de sectores como a alimentación, o medio ambiente, as enerxías renovables ou a enxeñería, entre outros. A presentación da actividade correu a cargo do presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e da xerente da Oficina de Internacionalización do IGAPE, Dolores García de los Huertos.

Na sesión, organizada en colaboración coa Cámara Española de Comercio en Perú e o IGAPE, ofreceuse información detallada da estrutura económica e empresarial do Perú e das relacións comerciais con Galicia de cara a orientar sobre as oportunidades de negocio e investimentos nese territorio. A Cámara de Comercio asiste con frecuencia a diversas misións comerciais que teñen lugar no Perú, un país que representa a quinta maior economía de América Latina en termos de Produto Interior Bruto. 

España ocupa o primeiro lugar en termos de inversión estranxeira no Perú, rexistrando 4.405 millóns de dólares, e seguida do Reino Unido e dos Estados Unidos. Os investimentos céntranse sobre todo nos sectores das telecomunicacións, a enerxía, as finanzas, a construción e o tratamento da auga. Tamén destacan as realizadas nos sectores do transporte aéreo, hoteis, seguros, comercio e servizos. 

As cifras de inversión foron en aumento, o que amosa a vocación de permanencia das empresas españolas no Perú. Ademais, nos últimos anos é cada vez máis notoria a presenza de pequenas e medianas empresas españolas no mercado peruano. 

Tras a presentación da actividade, o xerente xeral da Cámara Oficial de Comercio de España no Perú, Xavier Urios, e o conselleiro económico e comercial da Oficina Comercial da Embaixada do Perú en España, Bernardo Muñoz, afondaron sobre a situación actual do país peruano. Ao remate, os asistentes tiveron a ocasión de participar en encontros individuais cos relatores da xornada.