Inicio

A enquisa do programa Aprendeafinanciarte.com conclúe que nove de cada dez pemes galegas que solicitaron financiamento asinaron acordos coas entidades bancarias

E oito de cada dez din que recibiron unha oferta aceptable

A sondaxe, feita pola Cámara de España, presentouse esta mañá na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación da enquisa Acceso ao financiamento das pemes galegas 2015, realizada no marco do programa Aprendeafinanciarte.com da Cámara de España, unha plataforma dixital creada para facilitar o acceso ao crédito de pemes, autónomos e emprendedores. Ao acto de presentación asistiron o presidente cameral de Santiago, Jesús Asorey; o director de Competitividade da Cámara de España, José Luis Coll; o consultor do programa “Aprende a financiarte”, Antonio Mestre; o catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Caramés; o secretario Xeral da Cámara de Santiago, Fernando Barros; e a técnico de creación de empresas, Rosa Cardeso.

A sondaxe, sobre un universo de estudo de 91.560 negocios e na que se preguntaba sobre o último ano (xullo 2014-xuño 2015), baseouse en 400 enquisas telefónicas que se lle fixeron a pemes das catro provincias galegas do 26 de xuño ao 3 de xullo de 2015, co obxecto de averiguar a situación actual das empresas no acceso ao financiamento de entidades bancarias. Cómpre ter en conta que a maior parte das pequenas e medianas empresas de Galicia pertencen ao sector servizos, mentres que a media do seu tamaño correspóndese con 10,14 asalariados e unha antigüidade superior a vinte anos.

Unha das principais conclusións é que o 90,34 por cento das pemes que solicitaron crédito asinaron acordos con algunha entidade bancaria, xeralmente nos primeiros meses do ano e baixando nos meses de verán e outono, cifrándose en 1,56 por cento de media as entidades ás que acudiron. As sociedades outorgan unha nota media de 6,77 puntos ás entidades coas que operan, e sitúan a La Caixa e ABANCA como as entidades máis efectivas para o acceso ao crédito, seguidas de Banco Pastor, Santander, Banco Popular, Sabadell, BBVA e outros bancos ou caixas.

Outros datos relevantes que se tiran da enquisa son que o 82 por cento das empresas indican que recibiron unha oferta aceptable por parte das entidades, e que estas tardaron algo máis dunha semana e media en facela; mentres que case a metade das pemes preguntadas afirman que non percibiron ningún cambio na súa relación comercial coas entidades. Igualmente cómpre destacar, segundo as necesidades de financiamento, que o 79% das sociedades indicou que non solicitaron financiamento en 2015, maioritariamente por non precisaren diñeiro ou en menor medida por temor ao endebedamento.

“Aprende a financiarte” (www.aprendeafinanciarte.com) é unha plataforma creada polas Cámaras para facilitar o acceso ao crédito de pemes, autónomos e emprendedores. Cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder), ofrece aos usuarios asesoramento personalizado e información das opcións de financiamento público, privado e novos mecanismos emerxentes, como o crowdfunding.