Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago organiza unha xornada para que directivos de pemes non expertos en finanzas poidan analizar as súas contas anuais

O socio director da consultoría Arxon Estrategia, Rafael Martínez-Carrasco, explicará o balance de contas, a conta de resultados, os riscos operacionais ou as responsabilidades dos administradores

Celebrarase o vindeiro mércores, día 9, a partir das 10:30 horas 

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará o próximo 9 de setembro unha xornada gratuíta orientada a ensinar aos pequenos empresarios a facer unha análise das contas anuais da súa empresa. A actividade, titulada “Análise de contas anuais para non financeiros”, organízase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e o Igape e o financiamento de Fondos Feder. Terá lugar entre as 10:30 e as 12:30 horas no salón de actos da sede cameral –rúa San Pedro de Mezonzo, 44 baixo–.

A finalidade desta actividade é capacitar e formar a directivos e xerentes de pemes de perfil non financeiro na interpretación e comprensión da información financeira da empresa para a toma de decisións, ademais de aprender a identificar responsabilidades patrimoniais, fiscais e de xestión a partir da información financeira dispoñible na empresa.

Con formato workshop, a actividade servirá para presentar o proxecto Reacciona do Igape, impulsado co obxecto de mellorar a competitividade das pemes galegas. O encargado de impartir esta acción formativa é o socio director da consultoría Arxon Estrategia, Rafael Martínez-Carrasco.

Martínez-Carrasco explicará, entre outros asuntos, o balance de contas, a conta de resultados (PYG), os riscos operacionais, as repercusións patrimoniais e as responsabilidades dos administradores, así como a avaliación dos datos obxectivos con casos prácticos reales.