Inicio

A Cámara de Comercio crea un código de boas prácticas para acreditar a súa “imparcialidade e transparencia” en beneficio dos intereses das empresas da demarcación

Os órganos de goberno, directivos e traballadores deberán respectar, cun comportamento ético, os principios de conduta e as obrigas no desenvolvemento das súas funcións

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela elaborou un código de boas prácticas onde se establecen as normas de conduta e obrigas que deben respectar os órganos de goberno da institución, e por extensión, toda a organización. Este código créase para garantir a “imparcialidade e transparencia” no desenvolvemento das funcións público-administrativas e ofrecer unha mellor representación, promoción e defensa do intereses xerais, sempre cun comportamento ético, da industria, comercio, navegación e os servizos da súa demarcación. Aplicarase a todos os actos e relacións dos membros dos órganos de goberno (Pleno e Comité Executivo) da Cámara, directivos e demais traballadores internos que manteñan entre si ou con otras organizacións, como as Administracións Públicas, os medios de comunicación ou outras persoas e institucións, relacións no desenvolvemento das súas funcións.

Este documento inclúe uns criterios de conduta que marcan o proceder dos membros da Cámara, que deberán cumprir as funcións establecidas no Regramento de Réxime Interior e na lexislación correspondente; loitar pola defensa da viabilidade da corporación; e defender o interese xeral das empresas da demarcación. Para proceder e acadar estas consignas, a Cámara de Comercio de Santiago considera necesaria a optimización da xestión dos recursos dispoñibles, cumprindo “de boa fe” os contratos e convenios concertados con institucións, traballadores, clientes e provedores.

Principios de conduta

Os membros da Cámara deberán respectar unha serie de principios no desenvolvemento da súa actividade rutinaria. En primeiro lugar, actuarán con total imparcialidade e independencia. Respectarase o principio de transparencia segundo a Lei 19/2013 de Transparencia. Neste punto, a Cámara comprométese a facer público no Rexistro Mercantil as contas anuais, un informe de auditoría e o informe anual sobre o goberno corporativo. E por suposto, a Cámara considera imprescindible que os seus traballadores manteñan a lealtade institucional e unha dedicación constante no exercicio do seu traballo.

No apartado das obrigas, o código recolle que os membros camerais deberán manter a confidencialidade, respectar o réxime de incompatibilidades para poder corresponder coas súas labores camerais, solventar as situacións de conflitos de interese, non ofrecer ou aceptar “regalos”  ou pagos en metálico ou especie e facer bo uso dos recursos camerais.