Inicio

O Foro Cívico Empresarial e o Concello de Santiago demandan unha “verdadeira” estación intermodal para a cidade

A remodelación prevista polo Ministerio de Fomento sería para o colectivo unha actuación que “compromete ou mesmo impide o futuro da intermodalidade”

O Foro Cívico Empresarial mantivo hoxe un encontro co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, no Pazo de Raxoi. Nesta reunión, as diversas institucións da cidade que conforman o colectivo mantivéronse en liña coa posición do Goberno municipal e amosaron o seu apoio “explícito” á demanda dunha “verdadeira” estación intermodal para Santiago de Compostela.

O Foro Cívico Empresarial manifestou que o Ministerio de Fomento discrimina a Santiago ao deixala sen estación intermodal e anunciando só unha remodelación das vías e un “lavado de cara”. Segundo informacións do colectivo, ADIF afirma que investirá 15 millóns de euros no renovado da estación, unha actuación que “compromete ou mesmo impide o futuro da intermodalidade” –indicou o Foro–. A estación de ferrocarril compostelá ten unha media anual de dous millóns de viaxeiros e é a sexta estación en importancia en media distancia de España, despois de Barcelona, Madrid, Sevilla, Córdoba e Girona. “Os cidadáns de Santiago sentímonos menosprezados unha vez máis ao ver que Fomento quere deixar á capital de Galicia, porta de entrada e primeira imaxe do turismo na nosa Comunidade, sen intermodal” –sentenciaron membros do Foro–.

O colectivo lembrou que a construción dunha estación intermodal é e continuará sendo unha necesidade para a cidade, que se fixo máis visible coa chegada do AVE. “Hai máis de catro anos establecéronse as necesidades que debía resolver a intermodalidade e convocouse un concurso de ideas para deseñar a estación” –sinalou–. O proxecto gañador do estudio de arquitectura Juan Herreros foi aprobado por todas as Administracións Públicas implicadas (Ministerio de Fomento, Xunta de Galicia, Concello de Santiago e ADIF), cun presuposto de 36 millóns de euros, “catro veces menos que o orzamento para a intermodal de Vigo, xa case terminada, e tres veces menos que a de Ourense ou A Coruña” –apostillou–.

Para o Foro, unha nova infraestrutura permitiría superar a barreira das vías que divide a cidade e facilitar o fluxo peonil e de vehículos desde Pontepedriña e Sar ata o centro urbano. O Foro asegurou que tamén melloraría a intercomunicación entre o transporte ferroviario e o de estrada, como os autobuses urbanos e interurbanos da zona metropolitana e os taxis, favorecendo o enlace conxunto co aeroporto.

Ademais, o Foro Cívico considera que a estación intermodal axudaría a reducir custos xerais ao compartir os usuarios de tren e autobús servizos comúns, como son o punto de información, os sistemas de iluminación, climatización e vixilancia, os servizos de consigna, aseos, cafetería, aparcadoiro ou accesos.

Integran o Foro Cívico Empresarial Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos de Galicia, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria e Vicus Francorum.