Inicio

A confianza dos hosteleiros eleva “timidamente” os resultados negativos do empresariado do Barbanza no segundo trimestre do ano

O Observatorio Económico da Antena Local da Cámara de Comercio presenta un novo indicador, realizado con 1.033 enquisas a empresas de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza correspondente ao segundo trimestre de 2015, realizado a través de enquisas a 1.033 empresas dos municipios de Boiro, Rianxo, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son.

O ICE Barbanza é un informe que reflicte a situación do último trimestre e as expectativas para o seguinte período nos sectores da construción, industria, comercio, hostalería e sector servizos. Nesta ocasión, o indicador de confianza empresarial sitúase en –3,1 puntos, un valor negativo aínda que cunha lixeira tendencia ao alza.
 
En canto ao índice de situación que se extrae do informe, as cifras mostran que o segundo trimestre de 2015 continúa a ofrecer un saldo negativ de –4,9 puntos reflictindo á perfección as expectativas marcados no trimestre anterior, rexistradas en 4,1 puntos negativos. O mesmo sucede co índice de expectativas do empresario para os meses de abril, maio e xuño, que se establece en –1,4 puntos, uns valores algo superiores aos marcados nas expectativas do trimestre pasado.

A continuación exponse un desglose por situación e expectativas:
- ICE: –3,1 (–6,9 no período anterior)
- Índice de Situación: –4,9 (–9,8 no período anterior)
- Índice de Expectativas: –1,4 (–4,1 no período anterior)

A tendencia negativa nos índices de situación e expectativas esténdese aos sectores da industria, construción, comercio e outros servizos. Só a hostalería e turismo, cunha confianza empresarial situada nos 4,4 puntos, consegue manter unha posición optimista sobre os resultados empresariais dos segundo e terceiro trimestre de 2015.

Leve melloría dos resultados na construción

Pola contra, a confianza empresarial presenta cifras negativas no sector da construción, alcanzando novamente os valores máis baixos de todos os sectores testados, pero experimentando unha leve melloría. “Todos os sectores analizados presentan unha situación timidamente mellor que no trimestre anterior aínda que non acaban de trazar un perfil de valoracións positivas” –manifesta o presidente da Cámara, Jesús Asorey–.

Dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para o segundo e terceiro trimestre de 2015 na Comunidade Autónoma de Galicia, obtense unha comparativa das opinións respecto á situación e ás expectativas a nivel nacional, Galicia e Barbanza.  Sobre a situación no segundo trimestre do ano, esta comparativa indica que un 19,8% das empresas españolas amosa unha opinión favorable da súa situación económica, un 58,5% opina que a súa situación é estable e un 21,7% ofrece unha opinión pesimista. A nivel Galicia, un 17,4% das empresas son optimistas, un 62,5% teñen opinións normais e un 20,1% son pesimistas. Segundo estes datos, o 16,2% das empresas do Barbanza amosan optimismo, un 51,1% sosteñen opinións lineais e un 32,7% son negativas ante a situación económica actual.

O ICE, que é froito do traballo dos técnicos do Observatorio Económico da Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago, analiza trimestralmente as perspectivas das sociedades a partir da cifra de negocio, emprego, prezos, investimento e exportacións. Úsanse dous baremos: o Índice de Situación (que se refire á confianza actual do empresariado) e o Índice de Expectativas (que se refire á confianza do empresariado para o seguinte trimestre). Os dous oscilan entre –100 e +100, de tal forma que os valores positivos indican avances, mentres que os negativos sinalan retroceso da actividade.

O programa Antenas está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Boiro.