Inicio

Nacen dez empresas culturais da man da Cámara de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura

Clausuraron hoxe o programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas que se celebrou nos meses de abril, maio e xuño no Centro de Emprendemento do Gaiás

José Luis Rodríguez Dacal, vicepresidente da Cámara de Comercio:

“A empresa de xestión cultural precisa de apoio público para acadar visibilidade e conseguir a súa consolidación”

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia clausuraron hoxe a última edición do Programa de creación e consolidación de industrias culturais e creativas, que se impartiu de forma gratuíta para vintecinco alumnos no Centro de Emprendemento do Gaiás do 13 de abril ao 5 de xuño. Ao acto de entrega de diplomas asistiron o vicepresidente da Cámara, José Luis Rodríguez Dacal; a xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González; a directora do programa, María Dolores García; e o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros. Esta acción formativa organizouse en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (INCYDE) e conta co financiamento do Fondo Social Europeo.

Esta iniciativa pretende vestir as ideas empresariais  relacionadas coas artes, teatro, música, danza, os sectores audiovisual e editorial, e mesmo as actividades vinculadas ás novas tecnoloxías e ao deseño.  Os participantes adquiriron coñecementos para crear unha empresa cultural cun enfoque creativo e novos modelos eficientes de financiamento e xestión destinados a actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais. “A empresa de xestión cultural precisa de apoio público para acadar visibilidade e conseguir a súa consolidación. A Cámara de Comercio, a Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Incyde unimos os nosos recursos para poñer a disposición dos alumnos unha ferramenta teórico-práctica que axudará a encauzar o camiño do emprendemento” –destacou Dacal–.

O programa, dirixido a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas, desenvolveu contidos sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas. Constituíronse en inicio un total de dez empresas.

O emprendedor Lois Guillán Santamaría explicou ao asistentes os segredos de Cucuducho, unha empresa de venda online de produtos para nenos e nenas de máis de tres anos. Centra o negocio na venda de mobles e artigos de decoración e xoguetes. A diferenciación é o deseño, fabricación e historia que hai por detrás de cada unha das súas creacións. Tamén o emprendedor Juan Callón Rivas relatou aos asistentes os seus inicios coa empresa de impresión 3D.