Inicio

A Cámara de Santiago puxo a súa experiencia ao servizo de 3.926 empresas o pasado ano

Presenta a Memoria 2014 onde se recollen as principais accións de comercio exterior, innovación, formación e creación de empresas

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela presenta a súa MEMORIA 2014 [http://www.camaracompostela.com/memoria/memoria2014b.pdf], que recolle as actividades e servizos dos que se beneficiaron un total de 3.926 empresas da comarca de Santiago e Barbanza, mantendo o pulo como institución ao servizo dos intereses xerais das sociedades mercantís.

O presidente da Cámara, Jesús Asorey, destaca a “enorme” experiencia da Cámara en servizos específicos de promoción educativa e formación para a creación de empresas. “A nosa carteira de actualización de coñecementos e adquisición de habilidades incorporou novas materias como os idiomas, a través do Instituto Cameral de Idiomas de Santiago” –sinala–. Igualmente, o presidente destaca a importancia da innovación e a competitividade empresarial, materias obrigadas que dan lugar ao desenvolvemento de programas e accións camerais, na liña co traballo realizado en internacionalización  “acompañando e asesorando ás empresas na súa aventura exterior”.

Ao longo do pasado ano celebráronse seis accións de internacionalización e promocións do comercio exterior a Perú e Chile, Alxeria, Bolivia e Perú, Colombia e Ecuador, nas que participaron 43 empresas galegas, da man do plan FOEXG. Ademais, a entidade organizou a viaxe ao encontro empresarial de Francfort e a misión inversa con empresas de Paraguai. En relación ás certificacións e visados de comercio internacional a Cámara de Comercio expediu durante 2014 un total de 1.364 a empresas da súa área de influencia.

Traballo continuo en creación de empresas

Por outra parte, a Cámara de Comercio de Santiago ocupa o segundo lugar no ranking nacional de Cámaras na creación de empresas e xeración de emprego. Durante o pasado ano un total de  489 usuarias, entre emprendedoras e empresarias, usaron os servizos do Programa de apoio empresarial ás mulleres (PAEM), promovido polo Instituto da Muller e o Consello Superior de Cámaras. Ten como obxectivo erradicar os obstáculos que atope a muller para acceder e consolidarse no mercado laboral. Atendéronse 431 demandas de asesoramento e creáronse 89 novas empresas. Ademais de potenciar o autoemprego, xeráronse 35 novos postos de traballo asalariado, 24 deles desempeñados por mulleres e 11 por homes.

O viveiro de empresas do polígono de Costa Vella representa o espírito emprendedor e a capacidade de impulso da creación de empresas que ten a Cámara de Comercio de Santiago. En 2014 asentáronse nas súas instalacións 15 empresas físicas e 21 decidíronse polo viveiro virtual. A taxa de supervivencia empresarial desta estrutura está ao redor do 80 por cento. Ademais, a Cámara puxo en marcha un curso máis as súas charlas divulgativas en centros de ensino dos concellos da súa demarcación, e as visitas guiadas ás instalacións do viveiro de empresas co fin de atopar futuros emprendedores. Realizáronse 23 accións de fomento do espírito emprendedor que contaron coa participación de 736 alumnos.

124 cursos e 2.596 alumnos

No apartado de formación, a Cámara de Comercio programou durante 2014 un total de 124 cursos formativos que contaron coa asistencia de 2.596 alumnos. Informática e novas tecnoloxías, comercio internacional, comercio e distribución, contabilidade e fiscalidade, habilidades sociais, idiomas, financiamento e proxectos europeos, recursos humanos e emprendemento son as áreas de formación que primou a entidade cameral. Ademais dos cursos propios, leváronse a cabo outras actividades formativas como xornadas ou seminarios, realizados en colaboración con outros organismos e institucións. O último ano cubríronse o cento por cen das prazas na formación gratuíta o que confirma o interese pola temática presentada.

En materia comercial, a Cámara desenvolveu en 2014 o Plan integral de apoio á competitividade do comercio minorista orientado á innovación e competitividade do pequeno comercio. Realizaron sete diagnósticos nos puntos de venda, tres plans titoriais de xestión para orientar os investimentos dos comercios e un taller sobre neuromarkating impartido polo Superpyme Fernando Sánchez Salinero. Os técnicos camerais atenderon as consultas de 21 emprendedores e entregaron dous dosieres de prensa. Ademais, a Cámara executou o Plan de apoio a sector comercial galego e participou no programa Urbana Santiago Norte.

A Antena Local de Boiro atendeu 833 consultas empresariais

A Antena Local de Boiro deu en 2014 asesoramento a un 10% máis de empresarios que o ano anterios, atendendo 833 consultas de emprendedores, empresas e colectivos empresariais da comarca. Realizáronse nove accións formativas para 157 alumnos. Elaboráronse catro Indicadores de Confianza Empresarial e presentouse o estudo  “Oportunidades de emprego en Boiro e na comarca do Barbanza”.

Na área de innovación, o Programa Innovación e Transferencia do Coñecemento, “Feira do Coñecemento”, que comezou a executarse en 2010 como unha nova liña estratéxica a seguir polas Cámaras de Comercio, axudou a que 89 empresas estableceran contacto con centros tecnolóxicos de nivel, asistindo a tres xornadas de sensibilización, para finalmente conseguir 24 preacordo de colaboración. No programa gratuíto InnoCámaras, deseñado pola Cámara de Comercio de España, a Cámara quere potenciar a presenza da innovación e fortalecer a posición competitiva das pequenas e medianas empresas. O programa conta co financiamento de fondos FEDER, as Cámaras de Comercio e a colaboración da Xunta de Galicia. En 2014, foron admitidas 51 empresas da demarcación. Con respecto ao programa TIC Cámaras, o pasado ano 29 empresas beneficiáronse da posibilidada de incorporar tecnoloxías da información como ferramentas competitivas claves na súa estratexia.

A web compostelá, a máis vista de Galicia

Así mesmo, a Cámara de Comercio de Santiago aposta polo uso das ferramentas on line para expandir as súas actividades e servizos pola rede. Ademais da súa propia páxina web, a Cámara creou perfís sociais en Facebook e Twitter. A web cameral recibiu en 2014 30.536 visitas, cunha media mensual de 4.886 de visitantes diferentes.