Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago aconsella ás pemes establecer unha xestión “preventiva” das contas para mellorar a competitividade do negocio

Rafael Carrasco-Martínez, consultor:

“A liquidez nunha empresa é unha vantaxe estratéxica e debe ser unha das prioridades da dirección”

A xornada, organizada en colaboración co Igape e a Consellería de Economía e o financiamento de fondos Feder, celebrouse no viveiro de Costa Vella

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou hoxe no viveiro de Costa Vella unha xornada gratuíta orientada a ensinar aos pequenos empresarios a facer unha análise das contas anuais da súa empresa. A xornada gratuíta, titulada “Análise de contas anuais desde a visión de dirección non experta en finanzas”, organízase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e o Igape e o financiamento de Fondos Feder. O socio director da consultoría Arxon Estrategia, Rafael Martínez-Carrasco impartiu a xornada á que tamén asistiu o xerente do IGAPE IP, Jose Manuel Fernández. Con formato workshops, a xornada serviu para presentar o proxecto Reacciona do Igape, impulsado co obxecto de mellorar a competitividade das pemes galegas.

A finalidade desta actividade é capacitar e formar a directivos e xerentes de pemes de perfil non financeiro na interpretación e comprensión da información financeira da empresa para a toma de decisións, ademais de aprender a identificar responsabilidades patrimoniais, fiscais e de xestión a partir da información financeira dispoñible na empresa.

Martínez-Carrasco explicou que os directivos das pemes deben ter en conta as necesidades financeiras de curto e de longo prazo e establecer un sistema de control e xestión preventiva para tomar decisión de forma anticipada. “A liquidez nunha empresa é unha vantaxe estratéxica e debe ser unha das prioridades da dirección. Todas as decisións afectan ás finanzas. Debemos crear a nosa visión financeira específica do negocio” –sinalou–.

Esa xestión predecible, según Martínez-Carrasco, permitirá ao empresario afrontar coa axeitada planificación e a un custo menor as súas necesidades operativas sen perder o control do seu negocio.