Inicio

A Cámara de Santiago convoca misións comerciais a Emiratos Árabes e Qatar, Cuba e Alxeria nos meses de setembro e outubro

As empresas interesadas disporán dunha axenda personalizada para iniciar as relacións comerciais cos empresarios locais

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela convocou recentemente tres misións comerciais para os meses de setembro e outubro a Emiratos Árabes e Qatar, Cuba e Alxeria. Estas accións no exterior desenvolveranse dentro do marco do Plan Foexga 2015 en colaboración co Igape e o apoio dos Fondos FEDER da Unión Europea. As empresas interesadas en participar disporán de axendas personalizadas que lles facilitarán o camiño de inicio das súas relacións comerciais nestes mercados.

A primeira misión comercial será a Emiratos Árabes e Qatar entre os días 27 de setembro e o 1 de outubro. As previsións apuntan que Emiratos Árabes continuará reforzando a súa posición de potencia rexional do comercio, os negocios e o investimento, e está diversificando en alto grao a súa economía cara sectores diferentes aos hidrocarburos, como a industria turística, manufactureira, saúde e loxística. Pola súa parte, Qatar crece a ritmos superiores ao 6%, cunha ampla carteira de proxectos de investimento en multitude de sectores. O país importa produtos tradicionalmente ofrecidos polas empresas galegas como materiais de construción, pedra natural, confección e produtos siderúrxicos.

Interese “renovado”

A seguinte cita no exterior será Cuba. As empresas que queiran formar parte desta acción poderán establecer contactos con compañías cubanas entre os días 9 e 23 de outubro. Segundo manifestan técnicos de promoción exterior da Cámara, Cuba despertou na clase empresarial un “renovado” interese debido ao anunciado fin do bloqueo norteamericano, e tamén a causa da novedosa zona económica de Mariel que pode representar un “interesantísimo” oco de mercado para os intereses galegos polo seu desenvolvemento industrial e comercial e as claras prespectivas de negocio que a curto prazo se esperan nos sectores turístico, de industria agroalimentaria, biotecnoloxía e enerxías renovables.

Mercado emerxente no norte de África

Outra misión comercial prevista para finais de outubro, entre os días 24 e 29, será a viaxe a Alxeria. Os técnicos camerais destacan que o mercado alxerino perfilouse nos últimos anos como un destino emerxente e próximo a España, só superado por Marrocos en importacións de produtos galegos no norte de África. Alxeria destaca nos produtos pesqueiros e nas súas reparacións, tamén en predra natural, produtos lácteos, madeira e elementos metalúrxicos e cerámicos.

Actualmente, existen numerosos plans de modernización e mellora en practicamente todos os sectores, o que se traduce en oportunidades de negocio para os exportadores galegos.

Máis infomación sobre as misións comerciais: Cámara de Comercio de Santiago (rúa San Pedro de Mezonzo, 44, baixo. Teléfono: 981596800) ou na web www.camaracompostela.com.