Inicio

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse co Foro Cívico Empresarial para respaldar a reinvindicación dun maior financiamento para a USC

O rexedor garantiu o compromiso do Concello de manter unha “interlocución periódica” co colectivo

O Foro Cívico Empresarial mantivo onte un encontro co novo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, nas instalacións da Cámara de Comercio. Nesta reunión, as diversas institucións da cidade que conforman o colectivo solicitaron ao rexedor o seu apoio nas reivindicacións sobre o aumento de recursos públicos e financiamento para a Universidade de Santiago.

Como xa manifestara hai uns días o Foro Cívico Empresarial, a Xunta de Galicia destinou este ano un presupuesto de 390 millóns de euros ás tres universidades, dos cales 170 millóns de euros son para a USC, aportación que sufriu unha redución de 30 millóns de euros con respecto a 2014. Con este descenso orzamental sobre a mesa, o Foro considera “inaceptable” para o conxunto da sociedade compostelá que desde a Administración Autonómica non se contemple un maior investimento en ámbitos esenciais para o futuro da cidadanía e da economía como son a investigación e a innovación.

Ademais, o Foro sinalou que o tipo de estrutura produtiva de Santiago, centrada na importancia do sector público –Administración, Universidade e Sanidade– e o seu peso e influencia na comarca, converten en imprencindible o aumento do financiamento para a USC. “Exerceremos un rol de presión sana nun momento sensible de negociación do novo financiamento universitario” –indicou Noriega–. O alcalde mantivo hoxe unha reunión co reitor da USC, Juan Viaño, para ofrecerlle o seu apoio e demandar un financiamento que permita unha viabilidade digna e acorde co peso específico e coa traxectoria da Universidade.

Nesta liña de crear propostas e dar solucións aos problemas de Santiago, o colectivo solicitou ao alcalde a súa presenza no Foro Cívico Empresarial co obxecto de “empuxar na mesma dirección” a favor do benestar social da cidadanía. Pola súa parte, Noriega garantiu o compromiso do Concello e o seu propio de manter unha “interlocución periódica” co Foro Cívico.

Impulso á cidade

Nesta xuntanza do Foro Cívco co alcalde de Santiago tamén se trataron outros temas de interese vital para a cidade como o traslado do 061 a A Estrada e o proxecto da intermodal. Martiño Noriega explicou que o plan da Xunta de Galicia de trasladar os servizos centrais do 061 e 112 de Santiago de Compostela a A Estrada é unha decisión “sen xustificación” que afecta a unhas trescentas familias de Santiago e a súa contorna. Con respecto á intermodal, Noriega manifestou o interese do Concello por recuperar o proxecto inicial para resolver a situación antes do Ano Santo de 2021 por ser un punto estratéxico para mobilidade da cidade.

Integran o Foro Cívico Empresarial Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos de Galicia, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria e o Ateneo de Santiago como entidade invitada.