Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago presenta a plataforma “Aprendeafinanciarte.com” que aglutina propostas clásicas e alternativas de financiamento público e privado para empresas

Jesús Asorey, presidente da Cámara:

“A innovación e o risco están directamente ligados ao éxito de toda iniciativa emprendedora”

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrou hoxe na súa sede a xornada gratuíta “Aprendeafinanciarte.com” na que especialistas en financiamento púbico e privado expuxeron as alternativas de acceso ao crédito para pemes, emprendedores e autónomos. Os empresarios e emprendedores asistentes descubriron a plataforma integral 2.0 “Aprendeafinanciarte.com”, creada polas Cámaras para facilitar o acceso ao crédito de pemes, autónomos e emprendedores. Esta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder), ofrece aos usuarios asesoramento personalizado e información das opcións de financiamento público, privado e novos mecanismos emerxentes, como o crowdfunding.

Os usuarios da plataforma poderán atopar en tempo real toda a oferta de financiamento que ofrece o mercado, ven sexa pública ou privada, local, rexional, nacional ou europea. Ademais, os empresarios terán a súa disposición todo un conxunto de servizos personalizados pensados para mellorar a súa cultura financeira, co apoio da asistencia técina dun conxunto de expertos das Cámaras de Comercio. Os usuarios poderán usar tamén os servizos de consultoría e asesoramento que se ofrecen desde a plataforma, como son os diagnósticos económicos e financeiros do estado da empresa, a presentación de documentación no banco, elaboración de plans de negocio ou o acompañamento na busca de financiamento.

Coa chegada da crise económica, o acceso ás fontes de financiamento clásicas, a través das entidades financeiras, é cada vez máis difícil. Ante este panorama, na xornada propuxéronse formas alternativas de financiamento empresarial enfocadas ao emprendemento, ademais de ofrecer unha visión global do financiamento tradicional e dar unha relación das diversas formas de financiamento público centradas nas axudas e subvencións.

Unha ferramenta de “alto valor competitivo”

O presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, inaugurou a xornada, xunto con Miriam Vicente, membro do departamento Económico-Financeiro de Cámara de España. Asorey explicou que actualmente as Cámaras de Comercio están a desenvolver servizos e produtos de “alto valor competitivo” para reforzar a viabilidade das empresas de recente creación.

“Estamos na fase de formar e capacitar, de colaborar activamente cámaras, empresas e universidades, de esixir simplificación administrativa e aprender a financiarnos para non vernos obrigados a abandonar. A innovación e o risco están directamente ligados ao éxito de toda iniciativa emprendedora” –apuntou–.

O director da Área Económica Pyme-Finance, Tono Mestre, ofreceu un relatorio sobre os novos recursos para acceder ao financiamento empresarial. A continuación, celebrouse unha mesa redonda titulada “Moita liquidez e pouco financiamento” na que participaron o subdirector de información do Igape, Curro López; a xerente de Investimentos de Unirisco Galicia, Yolanda Falcón; o director da Oficina de Empresas de Santiago de Abanca, José Antonio Paz; o delegado de Financiamento de Empresas da Dirección Territorial do Noroeste de SabadellGallego, Carlos Ferreiro; e o responsable de Financiamento Especializado de Empresas da Dirección Territorial de Banco Pastor, Rafael Lomba; ademais da cofundadora da plataforma Grow.ly, Mireia Badia, e o director comercial de Afigal, Gonzalo González.

Enamorar ao banco con proxectos empresariais

Dentro desta xornada, a Cámara de Comercio de Santiago acollerá pola tarde, entre as 17:00 e as 18:30 horas, un obradoiro práctico sobre como conseguir que o banco se enomore dun proxecto empresarial, titulado “Como  reforzar a miña posición ante o banco?”. O taller está dirixido a pemes, autónomos e emprendedores que buscan financiamento para os seus proxectos e negocios. Desenvolveranse ferramentas últiles para os emprendedores como o ERBA, que permite avaliar o risco bancario e cumprir os requisitos que esixen os bancos, e a elaboración dun dosier bancario no que aparece a información necesaria a presentar na entidade bancaria.

After work na cantina A Curtidoría

A última hora celebrarase un after work en La cantina A Curtidoría de Santiago (rúa Doutor Teixeiro, 28). Os emprendedores reuniranse para escoitar e buscar solucións ao financiamento dos seus proxectos, compartindo as súas experiencias con outros novos empresarios, mentres gozan dun momento de lecer e relaxación.