Inicio

A Antena Local de Boiro informa dos novos requisitos que debe cumprir un establecemento de hostalería sobre alérxenos en Rianxo

A xornada celebrarase o xoves, día 25, na Asociación de Empresarios de Rianxo

A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago organiza o próximo xoves, día 25, unha xornada informativa gratuíta sobre as implicacións da normativa sobre alérgenos en hostalería na Asociación de Empresarios de Rianxo (rúa Hospital, 14. Baixo), a partir das 17:00 horas. Contará coa asistencia de aproximadamente quince hostaleiros de Rianxo e do resto da comarca do Barbanza.

Nos últimos anos, o número de persoas que sofren alerxias alimentarias incrementouse notablemente. O obxectivo da nova normativa, recollida no Regulamento Europeo 1169/2011, é facilitar a información dos platos que conteñan alérxenos, para que calqueira cidadán poida saber se pode comer ou non sen ter que identificarse ou pedir un trato especial no establecemento.

O director técnico da empresa Bioambiental Control Sanitario de Alimentos de Ribeira, o veterinario especializado en saúde pública Cipriano Pozas, impartirá a xornada. Explicará a orixe da nova Lei de Información Alimentaria ao consumidor en establecementos de hostalería e os obxectivos que persegue a normativa. Ademais, o experto describirá os requisitos que establece a normativa para os produtos non envasados ou os envasados en presenza do consumidor e a información obrigatoria que se debe transmitir ao consumidor sobre alérxenos. Neste punto, o regulamento recolle un listado con catorce substancias alérxicas que deben identificarse. A norma europea obriga a informar da presenza de alérxenos aos clientes, ben sexa de forma oral ou por escrito no menú.

Finalmente, Cipriano Pozas indicará os mecanismos de actuación das autoridades competentes para a inspección e cumprimento da nova lei e as responsabilidades e posibles sancións no caso do seu quebrantamento. En concreto, cando un cliente ou consumidor final sofre unha reacción alérxica ou intolerancia, a responsabilidade recae sobre o restaurante que pode enfrontarse a sancións.