Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago organiza a xornada “Aprendefinanciarte.com” para dar a coñecer as alternativas de acceso ao crédito para pemes

Celebrarase o 29 de xuño e contará co doutor en Económicas Francisco Ferreiro Seoane que impartirá unha conferencia maxistral

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela celebrará o luns, 29 de xuño, na súa sede entre as 9:00 e as 13:00 horas, a xornada gratuíta “Aprendeafinanciarte.com” na que especialistas en financiamento púbico e privado expoñerán as alternativas de acceso ao crédito para pemes, emprendedores e autónomos. A xornada, que presentará o presidente da entidade compostelá, Jesús Asorey, contará coa conferencia maxistral do doutor en Economía e profesor de Emprendemento da Fundación E.U. de Relacións Laborais da Universidade da Coruña (UDC), Francisco Jesús Ferreiro Seoane.

Durante o acto, presentarase ás empresas a plataforma integral 2.0 “Aprendeafinanciarte.com”, creada polas Cámaras para facilitar o acceso ao crédito de pemes, autónomos e emprendedores. Esta iniciativa, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder), ofrece aos usuarios asesoramento personalizado e información das opcións de financiamento público, privado e novos mecanismos emerxentes, como o crowdfunding. Segundo o programa, o director da Área Económica Pyme-Finance, Tono Mestre, ofrecerá un relatorio sobre os novos recursos para acceder ao financiamento empresarial.

A continuación, celebrarase unha mesa redonda titulada “Moita liquidez e pouco financiamento” na que participarán o subdirector de información do Igape, Curro López; a xerente de Investimentos de Unirisco Galicia, Yolanda Falcón; o director da Oficina de Empresas de Santiago de Abanca, José Antonio Paz; o delegado de Financiamento de Empresas da Dirección Territorial do Noroeste de SabadellGallego, Carlos Ferreiro; e o responsable de Financiamento Especializado de Empresas da Dirección Territorial de Banco Pastor, Rafael Lomba; ademais dos responsables de Redinvest, a cofundadora da plataforma Grow.ly, Mireia Badia, e o director comercial de Afigal, Gonzalo González.

A inscrición é gratuíta, aínda que o aforo é limitado. Inscricións en: http://www.aprendeafinanciarte.com/eventos/109.