Inicio

O Foro Cívico pide á Xunta de Galicia maior financiamento para que as universidades galegas poidan investir en investigación e innovación

Fai un chamamento para que forzas sociais e políticas de Santiago reclamen un trato acorde para a USC, institución relevante na evolución económica da cidade

Solicita a convocatoria urxente do Consello Social para debater a problemática

O Foro Cívico Empresarial, composto por institucións, asociacións e colexios profesionais de Santiago de Compostela, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na Cámara de Comercio de Santiago para facer públicas as súas demandas con respecto ao financiamento das universidades galegas, especialmente en relación á Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O voceiro do colectivo e secretario do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, Carlos García Cumplido, indicou que é “inaceptable” para o conxunto da sociedade compostelá que desde a Administración Autonómica non se contemple un investimento “máis amplo” en ámbitos esenciais para o futuro da cidadanía e da economía como son o coñecemento, a investigación, o desenvolvemento e a innovación, a través dun financiamento “suficiente” para as universidades galegas.

Segundo datos facilitados pola USC, membro do Foro Cívico, a Xunta de Galicia destinou este ano un presupuesto de 390 millóns de euros ás tres universidades, dos cales 170 millóns de euros son para a USC, aportación que sufriu unha redución de 30 millóns de euros con respecto a 2014. O Foro Cívico considera que as universidades necesitan un maior e mellor financiamento, que  atenda as circunstancias diferenciais de cada unha delas, e que estimule e prime os resultados da investigación, introducindo no financiamento criterios de competitividade. Neste senso, recorda o Foro que a Universidade de Santiago representa o 60% da investigación e mais do 50% da docencia universitaria,  por iso debe de ter un financiamento que prime este esforzo e estes resultados. “A redución desmedida e inxustificada do orzamento ano tras ano leva a universidade a soportar déficits insostibles” –expuxo García Cumplido–.

Ante este panorama, o Foro Cívico Empresarial fai un chamamento ao conxunto das forzas sociais e políticas da cidade para que se manifesten publicamente e reclamen á Xunta de Galicia un trato acorde coa importancia que ten a USC na cidade de Santiago de Compostela. O colectivo espera que esta petición teña unha resposta positiva por parte do goberno da Xunta.

García Cumplido resaltou tamén que o discurso da Xunta de Galicia sobre a necesidade de cambiar o modelo produtivo do territorio galego “non é coherente” co feito de conxelar na práctica a dotación global para as universidades e impoñer a conxelación das taxas universitarias, actualmente xa as máis baixas de España en máis dun 100% nalgúns casos, sen que se compense a redución de ingresos que isto supón para as universidades. “Como consecuencia a USC nestes anos só pode repoñer un 10% dos docentes que se xubilan” –apuntou o voceiro–.

Ademais, García Cumplido lembrou que para a cidade de Santiago, cunha forte dependencia do sector administración, sanidade e educativo universitario no seu PIB que se cifra nun 32%, resulta “insoportable” que se paralice o desenvolvemento das tarefas universitarias ante o continuado déficit que mantén por un financiamento “escaso”, impropio dun país europeo.

E de forma paralela, o Foro Cívico Empresarial pon de manifesto a “pasividade” de órganos como o Consello Social da USC e solicitan a súa uxente convocatoria para tentar solventar a problemática financeira da Universidade de Santiago.

A Universidade de Santiago,  á vangarda da educación superior

A Universidade de Santiago aprobou un Plan Económico-Financeiro de equilibrio que permitirá corrixir o déficit de 14 millóns de euros en cinco anos, e cubrir a débeda de case 50 millóns de euros nun período de vinte anos. Aínda con estas cifras, o Foro Cívico sinalou que a USC asina actualmente 1.500 contratos e convenio anuais con empresas e Administración Públicas e inviste cada ano máis de 115 millóns de euros en investigación, facturando preto de 50 millóns de euros e cubrindo o resto con financiamento público. Actualmente, ten contratados máis de dous mil profesores, un millar de investigadores e preto de mil persoas en servizos auxiliares.

A pesar da súa situación económica, o Foro Cívico manifestou que a USC continúa á vangarda universitaria coa creación do campus da excelencia internacional sobre biomedicina, “Campus Vida”, e actualmente está sentando as bases do “Campus da Cidadanía”, centrado nas humanidades, e o “Campus Terra” en Lugo, baseado no sector agroalimentario e forestal.

Integran o Foro Cívico Empresarial Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos de Galicia, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria e o Ateneo de Santiago como entidade invitada.