Inicio

A Cámara de Comercio de Santiago dá o visto bo á participación de 92 empresas dentro da convocatoria do programa InnoCámaras

A entidade asistirá ao Foro InnoCámaras que se celebrará a vindeira semana en Pontevedra

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela participará a próxima semana, o venres día 19, no II Foro InnoCámaras que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra. O obxecto desta cita é que as pequenas e medianas empresas e autónomos galegos poidan mellorar a súa competitividade a través da incorporación da innovación nos seus procesos produtivos, ademais de converterse nunha oportunidade única para intercambiar experiencias e compartir as súas boas prácticas en innovación empresarial.

A Cámara de Santiago segue traballando no programa gratuíto InnoCámaras, deseñado pola Cámara de España co apoio financeiro de Fondos Feder e a colaboración da Xunta de Galicia. Nesta edición, participarán 92 empresas de Santiago e do resto da demarcación, mentres que a lista de espera segue alongándose coa chegada de novas peticións por parte de empresas da área.

A entidade encárgase de realizar un diagnóstico da situación da empresa e presentar unhas liñas de recomendacións para o desenvolvemento de actuacións innovadoras, destinadas a lograr maiores niveis de eficiencia e produtividade. A entidade, a través dun titor designado, ofrécelle tres proxectos prioritarios de innovación. Unha vez perfilados os proxectos, a Cámara de Comercio envía o informe a un asesor homologado polo programa InnoCámaras para que, en contacto coa empresa, elabore un presuposto e implante o proxecto innovador.

Xa dentro da fase do Plan de Apoio á Innovación, establécense enlaces con diversas entidades especializadas en innovación para promover a transferencia de tecnoloxía e coñecemento. As empresas poden mellorar o seu software, crear unha certificación ISO, un plan de xestión interna ou de internacionalización ou mesmo deseñar un novo produto. Para realizar a compra do inmobilizado as empresas contarán cunha axuda do 80% do seu custo, cun máximo de 6.000 euros dispoñibles.
 
Programa de desenvolvemento tecnolóxico

Por outra parte, a Cámara de Santiago ten en marcha tamén un programa de desenvolvemento tecnolóxico (TIC Cámaras), orientado a impulsar a incorporación sistemática da Tecnoloxías da Información e a Comunicación como ferramentas competitivas claves na estratexia das pemes participantes, así como maximizar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar a produtividade e a competitividade. Actualmente están admitidas no programa 65 empresas da demarcación.